Brais Morán presenta novo disco, segundo, o vindeiro 29 de abril na Capitol. No Mato do desespero, homenaxe ao Narf do que se albiscan tamén pegadas na carta de presentación, Cando imos para ese lugar. Vídeo gravado ao vivo, cunha banda de caras coñecidas na escena musical galega e mais colaboracións para o clipe das Tanxugueiras, Xiana Lastra e tamén de Carminha do Porrinho e Chus de Moalde no baile. A canción aglutina o rock, a pegada africana, brasileira e sobre todo a forza do tradicional na que afonda Morán neste seu segundo disco en solitario. Escoita -e ve- este adianto, Cando imos para ese sitio.   

Un vídeo gravado ao vivo coas colaboracións das revolucionarias Tanxugueiras e Xiana Lastra nas voces e mais Carme Campo e Chus Caramés no baile. Velaí o adianto do segundo traballo discográfico en solitario do músico coruñés Brais Morán, que se presentará oficialmente na Sala Capitol de Compostela o vindeiro día 29 de abril ás 20h. As entradas xa están á venda a través de Ticketea. “Cando imos para ese lugar” foi o tema escollido para esta colaboración entre grandes amigos que funciona como presentación do que será este segundo traballo do artista, na que se pode respirar a complicidade e a boa enerxía que hai entre todos eles e a maneira de entender a música como un estilo de vida.

NO MATO DO DESESPERO

No Mato do desespero, título do primeiro tema e tamén do álbum, é unha dobre homenaxe: Por un lado ao poeta moçambicano José Craveirinha e por outra, seguindo a mesma liña, ao grande músico Fran Pérez Narf (infelizmente desaparecido xa vai máis dun ano), quen tempo atrás tiña musicado o seu poema “Quero ser tambor”. As influencias de Brais Morán son moitas e variadas, cuestión que se fai especialmente evidente neste traballo: “O citado Narf, tanto na maneira de entender a música e no que él me suxería na vida. Moi presente está sempre o mundo brasileiro que sempre me acompañou no xeito de abordar os guiños a Lenine, Toquinho, ou a pegada africana que está tan viva na admiración por Dobet Gnahoré ou Salif Keita. E quizais sexa neste "No Mato do desespero" onde máis profundicei na música tradicional galega e o folclore do país cunha clara devoción por Berrogüeto, que intercambio con moitas pinceladas do folk irlandés e a súa tradición gaélica conformándose en varias das doce composicións orixinais que contén o álbum. É evidente tamén unha clara volta a retomar a personalidade de Loretta Martin en cancións como “As cores do Mato”, aproveitando que Fran Sanz se embarcase co seu baixo no proxecto e que nunca deixara de saber entender a miña procura musical .”

A “banda do desespero” complétana xunto a Fran Sanz no baixo (que tamén se encargou da produción), Manu Seoane nas guitarras e Marcos Pazo na batería. Ademais, no disco contou coas colaboracións de Patri Gamallo (integrante das Adufeiras de Salitre e de Habelas Hainas), Tanxugueiras e Ugia Pedreira, cantando o tema da sua autoría “No país das efes”.

Arturo Vaquero encargouse unha vez máis, como xa vén sendo habitual nos traballos de Brais Morán, da gravación, produción e masterización do disco nos xa coñecidos estudios Abrigueiro de Friol. O traballo complétase coas fotografías de PixelinPhoto e o deseño gráfico e o audiovisual de Seispés Producións Creativas, tamén selo discográfico deste cd.

FOTOS: braismoran.gal


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.