O selo galego Azos Jazz, baixo a dirección artística de Abe Rábade, presenta estes días os seus dous últimos traballos, 'Experianza' de Alberto Vilas Quinteto e 'Bill Goodwin Quartet Live in Santiago'. No caso do quinteto do pianista redondelán, a presentación vén acompañada dunha pequena xira con actuacións na Sala Clavicémbalo en Lugo o 27 abril, na Sala Liceum no Porriño, en Vigo, o 30 de abril, na sala Jazz Filloa da Coruña o 2 de maio e no Náutico do Grove o 5 de maio.

O último disco que agora se presenta cunha xira en Galicia con catro actuacións é a terceira aposta de Azos, 'Experianza' de Alberto Vilas Quinteto. É a estrea do pianista de Redondela que lle dá nome. Segundo o propio selo "Un proxecto persoal, sincero e sentido. Unha proposta fresca, coas raíces asentadas na tradición galega e unha chea de pólas frondosas nas que se funden múltiples sonoridades. Bill Evans, Keith Jarrett, Thelonious Monk... a 'Experianza' de Alberto Vilas creceu alimentada pola forza da música académica, tanto clásica como contemporánea, pero a súa identidade subxace da música americana dos 40, 50 e 60. Certa improvisación mestúrase cun swing que o quinteto matiza cun toque europeo e, mesmo, africano influenciado á súa vez polos seus referentes galegos. Sentimentos 0% transxénicos, 100% naturais".

A segunda novidade editada polo selo é 'Bill Goodwin Quartet Live in Santiago', unha coidadísima gravación dun directo único, do concerto que ofreceu o neoyorkino Bill Goodwin, unha das lendas vivas do jazz estadounidense, xunto con Adam Niedwood, Abe Rábade e Paco Charlín no Festival dos Abrazos de 2009. O concerto partía da mestura dos sons neoiorquinos máis auténticos e recoñecidos coa frescura do novo jazz feito en Galicia e acabou converténdose nunha sesión épica que encheu de forza e emoción uno dos espazos máis singulares de Santiago de Compostela, o Parque de Bonaval. Agora, os oito temas do disco achégannos aquelas sensacións. E converten de paso o traballo nunha referencia senlleira do jazz do país.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.