O colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional publicou o pasado venres, 4 de outubro, o seu novo sinxelo, Mario Crush. O tema é o segundo avance musical que se dá a coñecer do que será o seu álbum debut, que verá a luz nos primeiros meses de 2025. O sinxelo acompáñase, ademais, dun videoclip dirixido por Ash Diz, artista que forma parte do colectivo, e no que participan as bailarinas Noelia Mato e Diana Montserrat.

Logo da publicación o pasado mes de xuño de Bolboretas, o seu sinxelo debut, “unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, pintando unha imaxe vívida da delicada danza entre a atracción e o medo”, este mes de outubro chega Mario Crush. Trátase dunha canción pop que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico. Partindo da referencia do Mario Kart, resaca emocional procura neste avance unha estética -tanto na produción musical coma na letra- que persigue introducir ao público, de forma xenuína, nun videoxogo. Sen renunciar á complexidade na composición, Mario Crush é unha canción singular, que engancha e que pon sobre a mesa un tipo de contido aínda por explorar na música galega.

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais, mais tamén por un amplo equipo técnico, no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades e no que “todes suman”. Nomes como Ash Diz, Berto Mira, Brais Iriarte, Daniel Abalo, Gala Rodríguez, Lorena Cachito, Manuel Tarrío, Rocío Campoy, Xurxo Pinheiro e Zeltia Iglesias formar parte dun “espazo seguro” que aposta “pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde”.

As emocións son o eixo do imaxinario do colectivo, tal e como se poderá escoitar no seu álbum debut, que Tremendo Audiovisual publicará nos primeiros meses de 2025, un traballo no que o grupo explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas. O pasado mes de agosto RSK publicaba nas súas redes sociais un vídeo da banda, gravado ao vivo, no que se pode intuír parte do que será o seu directo. 

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.