O músico está a traballar arreo no seu novo traballo, que levará por nome As Arpas de Breogán. Rodrigo Romaní prepara o novo disco no seu estudio de gravación en Noia, onde leva máis de dous anos investigando na sonoridade destas novas cancións. As arpas son o eixo das novas composicións, unha proposta nova e diferente na música galega.

As Arpas de Breogán sairá á rúa contra o inverno deste ano, da man de Fol Música, apenas unhas semanas antes do 35º aniversario da publicación con Antón Seoane do disco Milladoiro, (Zafiro/Novola, 1978), xerme do que posteriormente, co engadido dos membros de Faíscas do Xiabre, se convertiría no grupo máis influínte do folc galego.