Free Code Jazz Records, "o novo selo de jazz feito en Galiza", leva en realidade xa 6 anos a traballar na promoción do jazz do país. Creado por Paco Charlín, o selo ten xa no seu catálogo unha ampla mostra da música jazz galega.
Un músico, e bo amigo, suxeríunos o outro día pola rede a páxina deste selo galego. Unha moi completa mostra do quefacer de varios músicos e músicas de jazz galegos que, xunto á referencia de Azos Jazz, reúnen o mellor que se fai neste estilo no país. De feito, a obra de xente como Marcelino Galán, Xacobe Martínez Antelo, Xan Campos ou Mónica de Nut están dentro do catálogo do selo. Na propia páxina é posible mercar os discos do catálogo, varios deles aparecen ademais na listaxe de toupa.net, mais botamos en falla na propia web do selo unha sección de descargas algo máis atractiva, -agora só é posible descargar portadas dos discos-, que incluíse algo de material multimedia. Porén, trátase dunha moi boa fiestra para se adentrar no jazz galego. Atréveste?
Deixámosvos unha escolma de músicas e sensacións da actuación de Mónica de Nut no Filloa Jazz da Coruña, en abril deste ano, tirado da canle de youtube de axitpop.