O Culturgal foi o lugar escollido pola produtora Nordesía e a Fundación Cidade da Cultura para presentaren o proxecto do Womex 2014, que por vez primeira se celebrará en Galiza. No mes de outubro de 2014, Compostela acollerá a feira 'world music' máis importante do mundo. O Womex 2014 terá lugar na Cidade da Cultura (edificio do Museo) polo día e na Cidade Vella pola noite (showcases/concertos).


A produtora musical Nordesía e a Fundación Cidade da Cultura presentaron na segunda xornada do Culturgal, sábado 1 de decembro, o proxecto de Womex 2014, que terá lugar do 22 ao 26 de outubro dese ano en Santiago de Compostela. A cidade converterase así na capital mundial da ʻworld musicʼ durante cinco días, que suporán a presenza de máis de 2.500 asistentes de aproximadamente un cento de países.
No acto interviron María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura; Juanjo Corrales, GaiaLive, empresa organizadora de Womex 2012 Thessaloniki; Mercedes Peón, artista, cantora e participante en Womex 2010; e Vítor Belho, socio fundador de Nordesía e CEO de Womex 2014 Santiago de Compostela.
A organización de Womex -Piranha Musik, empresa alemá- anunciou na pasada edición da feira en Tesalónica que Santiago de Compostela será a cidade que acollerá a vixésima edición deste evento. Isto suporá unha grande oportunidade para o sector musical e para o país en xeral dado que, ademais do valor cultural, o Womex supón un extraordinario impacto económico e de imaxe na cidade e no territorio que o acolle (Womex 2011 Copenhague, supuxo 3,44 millóns de euros de incremento no PIB danés).
Ademais, tal e como se subliñou no acto, Womex non é unha meta senón que representa un chanzo máis para o desenvolvemento dunha estratexia para ampliar as conexións, mellorar o posicionamento e incrementar as cifras de facturación do sector musical no mercado internacional. O 70% do orzamento para a realización do WOMEX2014 destinarase á contratación de empresas e de profesionáis de Galicia na produción, na loxística, nos servizos auxiliares, nos equipamentos técnicos...
O sector musical galego contará, entre outras opcións, cun escenario para a programación durante os 3 días de feira comercial, un escenario no que exhibir e ofertar: artistas galegos, artistas internacionáis promovidos por empresas galegas, co-producións, proxectos colaborativos, músicas e culturas afíns, potenciais mercados, accións de diplomacia cultural... unha oportunidade de amosar o talento e de afondar no camiño da internacionalización da música.
A XX edición da feira celebrarase en Santiago do 22 ao 26 de outubro de 2014. Polo día as actividades (feira, conferencias, meetings, showcases, Film Market, etc.) terá lugar no edificio do Museo da Cidade da Cultura; e pola noite na Cidade Vella, onde terán lugar ‘showcases’ e concertos.

As cifras do Womex
Na última edición, que tivo lugar en Thessaloniki (Grecia), do 17 ao 21 de outubro de 2012, estas foron as principais cifras:
• 2.200 delegados de 90 países
• 1.200 empresas presentes
• 490 selos discográficos, editoriais e distribuidoras
• 570 managers e 310 produtores
• 330 xornalistas, 160 radios
• 61 showcases con 350 artistas de 50 países
• 245 stands (600 empresas de 40 países)
• 30 stands ‘paraugas’ correspondentes a estados, territorios ou rexións
• 70 conferenciantes de 30 países de todos os sectores da industria


E ademais da feira houbo os seguintes eventos internos:


• WOMEX DJ Summit (con programa de showcases e conferencias específico)
• WOMEX Film Market: 17 filmes e documentais
• WOMEX Awards: Värttinä (Finlandia), Alexander Cheparukhin (Rusia) e Lusafrica
(Francia)
• World&Jazz focus


O Trailer da edición de Thessaloniki dá unha idea do que vai pasar por Compostela no 2014:

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.