Cántigas da Terra homenaxea o último artesán que traballaba na cidade herculina, Xosé López Bao. O luthier de 85 anos, -e que desde hai un tempo tan só realiza gaitas para algún amigo-, residía desde hai máis de 50 anos na Coruña. Mais, ao veu a súa casa en Eirís de Abaixo expropiada, decidiu retornar a Ardemil, na comarca de Ordes, onde nacera.
Enterámonos en gaiteirosgalegos.com do acto organizado por Cántigas da Terra. Xosé López Bao xa era artesán na súa terra natal, mais foi o seu traslado á Coruña e o seu traballo como torneiro na Fábrica de Armas o que lle permitiu aumentar a produción de instrumentos. Así, desde os anos 60 forneceu de gaitas as principais formacións musicais da cidade como Os Cinco de Galicia, Os Labregos, Brisas da Cruña, o Ballet Galego ou os organizadores desta homenaxe, Cántigas da Terra, formación para a que aínda hoxe constrúe algunha.
A homenaxe terá lugar no Centro Cultural Ágora e dará comezo ás 7 da tarde cun faladoiro co propio Xosé, para unha hora e media despois dar paso ao acto central con actuacións de dous grupos de Ordes -Manuel Viqueira e Os Gaiteiros da Asociación de Veciños de Leira- e da Coruña como Os Gaiteiriños e membros do Antigo Corpo de Gaitas da Deputación coruñesa. Tamén participarán persoas que colaboraron como o homenaxeado como Os Rilos -pai e fillo- que lle axudaron a vender as súas gaitas en centros galegos do exterior.
Alcumado "o rei do Si bemol", as súas gaitas gozan de merecido prestixio polo seu son limpo e potente. Canda o del, recoñecerase tamén o bo facer doutros dous artesáns: Xoan Brea (gaiteiro e palleteiro) e Xosé Torres (artesán de tambores), que tamén traballaron con Bao.