Cando aínda faltan uns días para que remate o prazo de inscricións, -o 20 de outubro é a data límite-, as 13 categorías dos Premios da Música Galega "Martín Códax" están a ter unha inmpresionante acollida entre as e os músicos do país. Case 400 formacións xa formalizaron a súa inscrición nestes premios que buscan visibilizar a música de calidade que se fai na Galiza. Desde GZmúsica apoiamos a iniciativa xurdida na Asociación Galega de Músicos ao Vivo e irémosvos achegando información de como se vai desenvolvendo a primeira edición dos "Martín Códax".

Os Premios Galegos da Música "Martín Códax" foron presentados no mes de setembro en Compostela. Até trece categorías, que abranguen desde a música tradicional e o folk deica o jazz ou o hip hop. Os membros da Asociación Galega de Músicos ao Vivo escollerán cos seus votos entre as propostas apresentadas as 3 finalistas en cada unha das categorías. Despois, decidirán as 13 gañadoras, alén dun premio honorífico para un/unha músico galeg@ que pola súa traxectoria artística e dedicación á música ao vivo sexa un referente para as novas xeracións de músicos. Os premios daranse nunha gala que se ha celebrar o vindeiro 13 de decembro en Pontevedra. A asociación de músicos galeg@s pretende con esta nova iniciativa, cando menos dar a coñecer 39 propostas musicais feitas no país, e desde logo paliar nalgunha medida o descoñecemento xeralizado que impera na nosa sociedade arredor do que musicalmente se fai aquén do Padornelo. As formación que o desexen aínda están a tempo de autopostularse para os premios, -o que é loxicamente gratuíto-, e pódeo facer todo aquel proxecto musical galego, -ben por residir no país, ben por estar formado nun 50% mínimo por músicos galeg@s-, que estea vixente e en activo no ano 2013. A asociación agrupa xa máis de 250 grupos e músicos do país, mais para optar aos premios non é preciso estar asociado. O prazo remata o vindeiro 20 de outubro.

Ampla presenza da música en galego entre os inscritos

Á espera de coñecer o número final de propostas que se autopostulan nalgunha das categorías, o certo é que a presenza da música en galego é abondosa e variada. Copando a totalidade das propostas en categorías como Tradicional, Folque, Músicas do Mundo ou Reggae e Ska, as propostas artelladas no noso idioma son arredor do 50% noutras categorías como Rock, Música de Verbena ou Jazz. Quizais o Metal, onde o inglés é maioritario, e o Pop, maioría de composicións en castelán, sexan as categoría onde menos presenza ten a música en galego. Aínda así, cómpre botarlle unha ollada a todas as categorías pois poderemos atopar verdadeiras alfaias, ás veces totalmente descoñecidas, que mostran a boa saúde da música galega en xeral e da música en galego en particular.

En GZmúsica estamos convencidos de que estes premios van supoñer un gran pulo para a música de noso, polo que tentaremos apoiar a iniciativa na medida das nosas posibilidades. Así, ímosvos ir achegando as novas que vaia xerando todo o proceso de votacións das propostas e estamos a traballar para poder gravar un especial de GZmúsica TV o 13 de decembro, na gala da entrega dos premios, e tentar así espallar un pouquiño máis un proxecto radicalmente necesario para dar a coñecer a música galega. 

{fcomments}

AO VIVO