O próximo sábado día 22 de Agosto terá lugar un concerto do primeiro traballo do grupo A Gramola Gominola no Xardín Municipal de Carballo, ás 18.30 h, dentro da programación da Feira da Creatividade Cultural que se celebra cada ano na capital da comarca bergantiñá, e que chega á súa X Edición con moitas novidades, entre as que se destacan a programación musical infantil.

A Gramola Gominola é unha nova formación composta por recoñecidos músicos da escea musical infantil: Paco Cerdeira, Anxelo de Xermar, Paula Romero e Rodrigo Muñoz. Paco Cerdeira, guitarrista, suma experiencia pola súa traxectoria durante anos noutra formación moi coñecida no panorama infantil musical, Mamá Cabra, así como Rodrigo Muñoz, batería do grupo ou Paula Romero, voz principal da formación.

Presentan un proxecto musical diferente, tendo como eixo central o Rock and Roll, un concerto de rock infantil, e explorando estilos da música actual: reggae, baladas heavys, pop, funk, country, blues, ska, etc. Nel fan un repaso pola historia da música moderna, unha andaina polos vieiros do rock para crianzas dos 0 aos 99 anos.  A través dela as nenas, e as que non somos tan novas, poderemos coñecer cal foi a súa evolución, tratando nas súas letras valores tan esenciais como a amizade, a familia, a importancia de facer deporte e levar unha alimentación saudable, os xogos, a natureza...

O seu traballo está recollido nun libro-disco con dez temas orixinais en galego interpretados no seu espectáculo. Está editado por Galaxia, na súa colección Sonárbore. No disco achégannos colaboracións importantes como as de Luís Tosar , voz principal en “Monstro”; Alberto Cereijo, guitarra solista en “Non é teu nin é meu”, Pablo Dalama cos arranxos de saxo e frauta ; Xenderal coa arpa de boca en “Barriga Verde” ; e Mini Rivas e Mero Iglesias (A Quenlla), voces principais en “Non é teu nin é meu”.


Datos do concerto:

Data: 22 de Agosto (sábado), ás 18.30 h

Lugar: Xardín Municipal de Carballo. Entrada libre (dentro da programación infantil da Feira da Creatividade Cultural)

+ INFO:

http://agramolagominola.com/

https://www.facebook.com/agramolagominolaoficial

https://twitter.com/AGramolaGominol

WEB CONCELLO CARBALLO: www.carballo.gal




Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.