A sala Karma de Pontevedra mañá venres 11 de marzo e Jamartes - Arte e Cultura en Pontecaldelas o sábado serán os primeiros lugares onde se poida gozar da xira do novo disco de Roger de Flor, que tamén estará este mes na Coruña, concretamente na sala Garufa o 23, para continuar a mostrar no país Apelón. Un traballo con temas cantados en galego, italiano, castelán e inglés, escritos ao pé do lume nunha casa da rúa Apelón, de Mugardos, onde o Roger viviu unha temporada.

Temas propios xurdidos das vivencias das súas viaxes mais tamén adaptacións de vellas cancións de The Pogues ou Cat Stevens. Así de suxerente é a proposta do Roger de Flor neste 2016, que inclúe a primeira das musicalizacións dos poemas de William Blake, un outro proxecto no que anda a traballar o artista fenés. Despois de presentar o traballo en Ferrol a comezos de ano, o músico embárcase agora nesta xira que o ha levar nos vindeiros meses por diversos locais e lugares de Galiza.

Calidez, misticismo, poesía e humanidade. Velaí o que promete Roger nos seus directos, acompañado por músicos de calidade e nun espectáculo no que tamén haberá cabida para cancións dos seus discos vellos, do seu proxecto paralelo cos Silvestres e incluso algunha das súas coñecidas adaptacións der clásicos do swing. Xa que logo, retranca e romanticismo, calidez e humor, as dúas vertentes deste músico de Ferrolterra han estar presentes nesta xira de presentación deste novo e íntimo traballo.

As citas de Pontevedra -venres- e Pontecaldelas -sábado- serán ás 22:30h, mentres que no Garufa coruñés o concerto será ás 22h.

VÍDEO -SÓ SON- DE A NÉBOA, ADAPTACIÓN DO "THE WIND" DE STEVENS

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.