Despois de máis de once anos de actividade, Esquíos ven de gravar  ao vivo durante os pasados 3 e 4 de decembro nos Estudios Bonham da Coruña , seu novo disco, Nunca choveu que non escampara. Dez temas propios máis unha versión dos Pixies adaptada á súa persoal idiosincrasia, compoñen o novo asalto sonoro da banda estradense.

Once cancións cunha temática variada, que vai desde a alocución directa aos personaxes que manipulan e enganan, - aos que consideran responsables en boa medida da situación actual- caso de temas como Dobreces ou Telépata popular a temas de ácida e irónica crítica social como Panorama para botar ou Terra meiga. Cantos en contra do pensamento único en Non ides poder  ou Reflexións, peticións de cambio climático en clave hilarante en Que pare de chover, e ata cancións de amor e desamor como Vexo os teus ollos, Chantaxe ou Manías en común. Esta variedade lírica ven acompañada tamén dunha maior diversidade sonora. Esquíos deciden nesta nova entrega botar o freo no musical, e entregan o seu disco máis variado e melódico.

A psicodelia, a melodía e os ritmos máis hipnóticos e bailables, son desta volta os protagonistas en detrimento da velocidade. Os sons máis limpos gañan terreo á distorsión, aínda sendo esta preponderante.

Malia ser bastante negativos ao longo do disco respecto á situación político-social actual e no tocante ás relacións humanas, dado que o disco se compuxo no medio dunha tormentosa situación persoal do seu compositor (enfermidade, morte, ruptura...), son capaces de albiscar unha luz ao final do túnel, e en conxunto, esta é a mensaxe que queren transmitir, unha mensaxe positiva, de non baixar os brazos nin renderse nunca. Pero sucedeu que non eran quen de atopar o título que reflectira este desexo, ata que se lles abriu a porta da sabedoría popular, suxeríndolles esta sentencia que se cingue escrupulosamente ao que procuraban: Nunca choveu que non escampara.

Esquíos estrea neste disco a súa nova formación, que inclúe aos fundadores Jorge Rodríguez, guitarra e compositor, e a Jorge Iglesias, batería e percusión, xunto con Manuel Rodríguez Barros, guitarra, e os novos Adán Fernández, vocalista e axitador xuvenil, e o futuro sex symbol xuvenil Andrés Reices, baixo, vocalista en O bar de Encarna e corista.

O disco estará dispoñible a partir do 4 de marzo, en breve comezaran a anunciar as datas de presentación, a súa intención é presentalo esa mesma data na Estrada nun lugar aínda por confirmar.

Aquí vos queda un adianto

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.