Celtis Australis, por unha banda o nome científico do lodoeiro e por outra, e literalmente, o celta do sur. Así deu en chamar Pancho Álvarez o quinto disco de estudio do seu proxecto en solitario. Un proxecto que vai construíndo paseniño, nos tempos libres entre xira e xira coa banda de Carlos Núñez e para o que o músico da Louriña volve contar máis unha vez coa colaboración de Suso de Toro, autor de varias das letras do disco, alén dunha extensa listaxe de nomes da escena folk galega. Escoita os 17 temas deste novo disco en que Álvarez deita de novo a súa mestría coas cordas para nos mostrar o seu particular e austral universo celta.

O 8 de setembro publicouse o novo traballo, quinto xa en solitario, de Pancho Álvarez. Celtis Australis (Fol Música, 2017) supón un paso máis na andaina dun dos músicos tradicionais máis importantes do país, malia non ser especialmente coñecido fóra dos circuítos folquis. Membro durante 15 anos de Na Lúa, tamén foi un dos integrantes daquel punto da inflexión para a música galega que foi Matto Congrio e desde hai tempo é membro da banda de Carlos Núñez.


O título garda basicamente dous significados: por un lado pretende localizar Galiza como o sitio dos celtas do sur, en contraposición aos considerados típicos paises celtas do norte como Irlanda ou Escocia, e por outro é o nome botánico do lodoeiro, moi probabelmente o Lotus dos clásicos romanos.

Pancho Álvarez preséntanos un disco optimista, aberto e creativo no que se recollen ecos da nosa viaxeira historia musical e onde se encara modernidade e tradición coa mesma naturalidade.

Pancho conta de novo coa colaboración de Suso de Toro nos textos, ademáis de Manuel Forcadela e Magín Blanco. Tamén con músicos como Antón Seoane, Pablo Novoa, os irmáns Félix e Cástor Castro Vicente, Xurxo Núñez, Carlos Beceiro, Gutier Álvarez, David Migoya, Álvaro Vieito, Miguel Argibay, Álvaro Iglesias, Juan Álvarez, Maruxa Álvarez Solleiro e a voz de María Solleiro.

CELTIS AUSTRALIS preséntase nunha edición digipack moi coidada, cun deseño de Luis Umbría.

{fcomments}


AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.