Venres 9 de febreiro e martes 13 do mesmo mes, Xinzo e Compostela acollerán, respectivamente, os concertos cos que a banda ourensá celebra os 10 anos sobre os escenarios. Foi o 30 de decembro de 2007 cando subiron por vez primeira, como Sonoro Maxín, a un escenario na súa cidade natal despois duns meses de ensaios e queren festexalo con todas e todos nós neste entroido.


Porque estar de aniversario máis ou menos polo carnaval, ser de Ourense e non montar unha boa troula é case un pecado e eles, nados despois de se xuntaren membros de Lamatumbá e Cinnamon Gum, son 100% paragüeiros e 200% festeiros. Así levano demostrando nesta década encol dos escenarios, compartindo cartaz con grandes bandas do país e foráneas. O Sonoro Maxín leva tripados moitos camiños, sempre desde a cumbia que non é cumbia, sempre con Ourense no horizonte -abonda ver os fermosos temas dedicados á cidade no seu último disco- e sempre acadando a beleza desde o máis sinxelo, cuns discos en que a música -especialmente no primeiro- se nos presenta espida de todo artificio.


Así que, xa sabedes. Vosa é a decisión de escoller entre Xinzo e Compostela. Praza Maior da vila limega ou Sala Capitol da cidade do falso apóstolo. Pero non deixedes de poñer os zapatiños vellos e ir celebrar con eles, con Ico, Cris, Abraham, Xurxo e Jaime os 10 anos do Sonoro Maxín.


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.