A sala Capitol acollerá o vindeiro 10 de marzo a presentación da nova formación da banda, nunha festa que leva por nome A Casa da Tolemia. Alén de ser o pistoletazo de saída da xira 2018 coa nova formación do grupo, na festa tamén actuarán Boyanka Kostova e Copa Turbo. Señora, señor, xa o sabe, se vostede quere entrar na Casa da Tolemia, non dubide en seguir as aventuras e desventuras da Terbutalina. 

Sen dúbida ningunha, o 2017 foi un gran ano para Terbutalina, concertos en salas e festivais de toda a península: Zaragoza,Tarragona, Madrid, Sevilla, Málaga,...SOLD-OUT na maioría de salas do país e festas que quedarán no recordo de todas. Coa súa colaboración coa compañía teatral Chévere na obra “Eroskí-Paraíso” conseguen o “Premio María Casares 2017” á “Mellor Música Orixinal”. Por riba, no mes de maio veu a luz “Ninguén che quere” o adianto da nova referencia discográfica dos de Muros, “Sonido Esteiro”, un Ep de 7” editado por Folc Records e Triunvirato. Catro cancións nas que se aprecia o sonido propio ao que chegou a banda dende a súa formación no 2010, puro sonido esteiro.

Mais no 2018 fechou unha etapa, coa saída de Samu, Brais e Diego, membros xunto a Mon e Migui do grupo desde o comezo. Aínda non falamos con eles desde que anunciaron os trocos na formación, coa chegada de Torres no baixo, antes en John Happy Driver e xa habitual da crew terbutalina o ano pasado, e de Héctor na batería, ex- Ruxe Ruxe, mais todos estes movementos apuntan a que os terbutalinos pretenden dedicarse 100% á banda, o que de certo sería unha moi boa nova. Todo comeza o vindeiro 10 de marzo, coa Casa da Tolemia: Unha variable situacional difícil de predicir e de controlar que fai que persoas sensatas, maduras e sen problemas de personalidade, nun momento determinado, realicen inexplicables condutas de risco, que non son en absoluto habituais para elas e que poden desembocar nunha das maiores festas do país. Avisadas quedades!

A nova formación de Terbutalina, que se estreará o 10 de marzo

TEXTO: GZmúsica

FOTOS: Terbutalina

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.