Cuarta Xusta é un grupo de rock que naceu en 2016 da man de Aida, Marta, Lúa, Alberto e Alba, pero é agora cando nos veñen presentar o seu primeiro disco. Será o próximo 10 de marzo no Pub Gatos de Melide. O álbum, que leva por título “Un novo espertar” sairá ao mercado xusto o día despois da presentación.

“Berrar con música as inxustizas que nos rodean”. Este é o lema musical do grupo melidense Cuarta Xusta que acaba de sacar ao mercado o seu primeiro traballo discográfico composto por oito temas de contido social e reivindicativo: “Un novo espertar”. No álbum, totalmente autoproducido e que será presentado o próximo 10 de marzo no Pub Gatos de Melide, colaboran varios artistas da escena musical galega como Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales actuarán tamén o día da presentación oficial.

A banda fará unha pequena xira de presentación en primavera por salas de varias cidades galegas. Estarán entre outras vilas en Ribeira, no Kurrala Rock; na Coruña, no Forum Célticum do Burgo (xunto con Zënzar); en Ferrol, na Fundaçom Artábria; en Santiago, na Gentalha do Pichel ou en Lalín, na Sala Óxido.

Aida (cantante), Marta (guitarra e violín), Lúa (batería), Alberto (guitarra) e Alba (baixo) forman Cuarta Xusta. O grupo, cunha forte presenza feminina, súmase ás voces que amosan que as mulleres teñen moito que dicir na escena musical do noso país. Inician súa actividade en 2016 versionando temas de diferentes artistas do panorama galego (Ses, Nao, Ruxe-Ruxe…). Foi no Festival Presume de Galego, nese mesmo ano, cando subiron por primeira vez a un escenario. A partires de entón, Cuarta Xusta comezou a traballar na elaboración de temas propios, sempre escritos en galego, que teñen como base as inquedanzas que afectan á sociedade actual. Aquí vos queda un adianto para ir abrindo boca.

TEXTO: GZmúsica

FOTO: Cuarta Xusta

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.