Mañá, mércores 14 de marzo, venres 16 e sábado 17, a cantautora arzuá subirá aos escenarios do país para seguir a presentar "Casandra", terceiro disco da súa carreira, primeiro de estudio. Carballo, Laxe e Moaña gozarán co directo de MJ Pérez, acompañada de toda a súa banda esta cuarta-feira en Carballo, en formato reducido nas outras dúas datas.


- MÉRCORES 14 de MARZO - MJ Pérez estará presente no circuito "Curruncho Pop" de Carballo, trátase dun concerto previsto para o pasado día 1 de marzo mais que tivo que ser aprazado por motivos de saúde. Agora, con nova data, MJ chega con toda a forza, logo do seu paso pola gala 16Mx8M o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, que non deixou indiferente a ninguén. Será este mércores, ás 19:30h, no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa, con toda a banda. A entrada é de balde, mais o aforo é limitado, polo que toda a xente que desexe asistir pode reservar o seu convite contactando coa propia biblioteca.

Os seguintes concertos, están dentro da Rede Galega de Música Ao Vivo organizado dende AGADIC:

- VENRES 16 de MARZO - A Ventana (Laxe), ás 23:30h - MJ visita por primeira vez a Sala A Ventana para presentar o seu último traballo. Estará acompañada por Ailén Kendelman ( A Panadaría, Áureas) ao violín e percusións. Como sorpresa, MJ interpretará en directo o tema "Correría O Risco" xunto co artista da costa da morte SERJ, que forma parte das colabiracións do disco que a artista presenta.

- SÁBADO 17 de MARZO - Var con Uve (Moaña), ás 22:30h - MJ regresa á Sala Var con Uve para presentar este novo disco. Estará acompañada de Pablo González ao teclado e guitarra. Entrada anticipada: 3€ / taquilla: 5€

Sobre o novo disco de MJ Pérez...

"Casandra" é o primeiro álbum de estudio da artista arzuá (terceiro da súa traxectoria), no que tamén é partícipe a súa banda e colaboracións espaciáis como Ailén Kendelman, Richi Casás ou Paco Cerdeira. Unha fusión de diferentes estilos que amosa unha clara evolución na música de MJ, que rematou o 2017 como gañadora dos premios Xuventude Crea na categoría musical. Logo dunha intensa xira que comezou no mes de setembro do pasado ano e que está marcada agora por un mes de marzo do máis intenso, MJ continúa levando este traballo por todo o territorio galego.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.