Axenda

II Gala Solidaria Eu Son Burela
sexta feira 28 decembro 2018, 20:00
Vistas : 155

Presentamos con moita ilusión a II edición do “Eu Son Burela”. Unha xuntanza da vida musical Burelesa. Artistas de diferentes estilos nunha cita benéfica en favor da Eu Son Band, o grupo de música inclusivo da Fundación Eu Son, ó que acompañarán nunha variada velada musical.

Escoitarase música tradicional galega, da man de ARUME. Música galega posta en valor tamén, xunto coa universal, por DAMBARA. Cabo verde presente en Burela, ca maior colonia de emigrantes caboverdianos do país, igual que presente na gala de “Eu son Burela”. Batuko Tabanka, principais responsables de tender pontes sonoras entre o noroeste peninsular e Cabo verde. De outra xeración, pero cunha mesma intención, as Moreninhas combinan a interpretación de pezas galegas e caboverdianas, co que reforzan os lazos coa terra de orixe ao tempo que participan da cultura da comunidade que as acolle.

En Eu Son Burela haberá tamén espazo para o rock na guitarra de Alberto Eiroá, no pop de Crooner 432, o reggae e incluso o rap crioulo de Big Boyce (Cabo verde- Burela-París). Ritmos que se entremezclan xuntando tradicións e actualidade musical, representada nas voces que se rebelan coma a de Iván Pérez de True Mountains, ou a sutilidade no ton de Hugo Eiroá, que contrasta coa experiencia no micrófono de Raúl De J. 

Música clásica na guitarra de Bruno Álvarez, en representación da Escola Municipal de Burela, ou no acordeón de Álvaro Crego. Música acústica, cruda e en directo con Xaco Salgado á batería, sumándose a un combo inédito ata a data, que completa Mario Arranz ó contrabaixo. 

Integración sonora entre persoas con diferentes capacidades, a través da música. Inclusión tamén entre África e Galiza, compartindo os ritmos ternarios da batuka e as xotas galegas. As pandeiretas e os butukos, xuntos, resoando á par que os cubos de pintura da Eu Son Band, na segunda edición dun festival conducido pola actrizEstíbaliz Veiga. Unha gala solidaria chea de voces que berran pola superación, pola inclusión e a unión dun pobo a través da música

Lugar: Casa da Cultura - Burela