Axenda

Sofía Espiñeira
sábado 14 maio 2022, 20:00
Vistas : 80

No marco da programación artellada ó redor do Día das Letras Galegas 2022, o CMI Unidade de Fene acolle este sábado, 14 de maio, a presentación de Alimentar canarios con ovos da casa, poemario de Anxo Mena que resultou gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O acto terá lugar a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical a cargo da cantautora Sofía Espiñeira.

Sobre a artista que actuará este sábado no CMI Unidade de Fene, no marco da presentación do libro gañador do Premio Pérez Parallé, cómpre salientar que Sofía Espiñeira inicia o seu percorrido musical no 2016 coa grabación do seu primeiro disco, Alá onde agroman as herbas, traballo que nace tras gañar o II Certame de canción de autor en galego do concello de Teo.

Este primeiro álbum recolle nove temas orixinais compostos pola autora no que o seu estilo persoal mestúrase coa influencia das músicas de raíz. A canción A cabalo, que abre o disco, recibe recentemente o recoñecemento de estar nominada como finalista á mellor canción na edición 2019 aRi[t]mar Galiza e Portugal.

Con este primeiro traballo na man e tras un percorrido de concertos en salas, festivais e diversos espazos culturais, Sofía Espiñeira entra a formar parte do panorama musical galego coma unha das novas voces da canción de autora.

Tamén entra en contacto nestes anos con outros proxectos, colaborando con artistas como MJ Pérez, A banda da loba ou recentemente, co escritor Antón Cortizas, co cal participa, xunto con outros moitos artistas, no libro-disco “O colo das palabras”. Actualmente a cantautora está a traballar nun segundo álbum, para seguir dándolle vida a este proxecto.

Cun estilo persoal influenciado polas músicas de raíz, Sofía Espiñeira diríxese a un público heteroxéneo cun repertorio variado no que bota man do estilo directo que caracteriza á canción de autora. As temáticas próximas e o xogo constante entre a fronteira do íntimo e do público achegan á compositora a conectar co ouvinte nun sentir común, apelando ós sentimentos que nos moven, ás loitas que nos atravesan e tamén achegándose con humor a situacións do noso cotián.

A través dun novo formato a trío, Sofía Espiñeira preséntase nesta nova tempada acompañada da sonoridade do violoncello e a forza das percusións, cun repertorio que incluirá tamén temas novos do que será o seu próximo traballo.

Lugar: Centro Mercantil e Industrial Unidade de Fene - fene
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.