Axenda

Homenaxe a Galeano
sábado 18 abril 2015
Vistas : 262

Esta homenaxe popular espontánea a Eduardo Galeano é unha iniciativa colectiva que xurde dun grupo de persoas non organizado. Nace dun sentir común, dunha necesidade de xuntármonos e cantar, falar, ler, por unhas horas, en común, na lingua Galeana.
A nosa cidade foi a última que o pensador visitou na que resultaría ser a súa derradeira visita “oficial” a Europa, o seu outro fogar, a súa casa de acollida.
Por diferentes motivos, persoais, sociais, colectivos ou privados, decidimos que nos apetece moito convocar a todas as persoas que sintan isto que tentamos expresar. Algunh@s dispoñiamos de espazos (nesta Compostela nosa, coma el ben lle dicía á súa querida amiga Carmen, chove da terra ao ceo), outr@s de tempo, outr@s de vontade. Así que determinamos un programa ao que agardamos que se sume o maior e mellor número de xente posible.
Levaremos textos para quen non teña a man, podedes traer cousas del, cousas vosas sobre el, instrumentos, ideas, os vosos corpos para acompañar, un sorriso. O que vos pete, pero vide.
Plan:
18h. Empezamos na Lila de Lilith.
19:30h. Seguimos no restaurante Rúa.
20:30h. Facemos parada n´As Dúas.
22:00h. Rematamos no Ultramarinos.
Vémonos o sábado!

Lugar: Santiago de Compostela