Axenda

Xabier Díaz e os Irmáns Alvárez
domingo 09 agosto 2015
Vistas : 286

DOMINGO 9 de agosto, 21.30. Claustro gótico


MÚSICA TRADICIONAL GALEGA
XABIER DÍAZ E OS IRMÁNS ÁLVAREZ

Música no claustro chegará á súa fin coa presenza de Xabier Díaz, acompañado polos irmáns Álvarez na zanfona, violín e acordeón diatónico. Despois de gozar en edicións anteriores de aCadaCanto, grupo residente na creación de A Rosa d’Adina e protagonista da exportación a Cuenca e Zimbabwe na celebración do noso 10º aniversario, nesta ocasión Xabier Díaz compartirá unha escolma de danzas e líricas tradicionais galegas gravadas no seu novo disco The tambourine man, que Músicas de Salitre publicará no vindeiro mes de outubro.

O continuo traballo de campo e de investigación, así como a ampla experiencia artística en formacións como Nova Galega de Danza ou Berrogüetto, avalan a carreira do noso artista, que define Música no claustro como “unha ínsula na que público e músicos comparten atmósfera e emoción, esa é a miña marabillosa sensación. Case que sen distancias entre nós, un festival que consegue crear un público respectuoso e entregado, e uns artistas agradecidos e emocionados, desexando que repiquen as campás da catedral 1000 anos máis para celebrar estes encontros”.

Lugar: Claustro Gótico da Catedral de Tui - Tui