Banda de speed-folk -como eles mesmos gustan de denominar ao seu estilo- formada en Manzaneda en 1996 e que se despediu dos escenarios 20 anos despois, na súa vila, no Festival A Rebusca.
Banda multicultural, con influencias musicais moi diversas, como o é a orixe dos seus membros, o que lle imprime un cuño novo á súa música, onde ten cabida dende a música tradicional galega até a balcánica, cunha salientábel presenza e protagonismo dos instrumentos de vento na súa formación, o que achega o seu son ás veces ao das charangas e ao de formacións da caste da Festicultores Troupe.
Malia as orixes diversas, o centro neurálxico desta banda é Maceda de Trives, -oficialmente coñecida polo topónimo deturpado Manzaneda-, de onde proveñen varios dos seus membros:, Andrés, gaita, Marcos e Fenoy na batería e percusións, e Davide na guitarra eléctrica, aos que se engaden músicos chegados doutras latitudes, coma os galegos Rubén, trompeta, Marcos Neira, saxofón, Telú, voz, e mais o polaco Darek no baixo e o alemán Mathias no laúde eléctrico, para remataren de conformar unha banda fondamente anovadora no panorama musical do país.
Fechando a Festa Folc de Vilariño no 2015
Ao longo dos 20 anos que estiveron en activo -despedíronse o 18 de novembro de 2016, na casa, no Festival A Rebusca da súa vila-, publicaron varios discos Speed Folk no 2005, Achegaivos feligreses no 2009 e Arreguizante, 2013, ademais de participar en varias compilacións.
Ao vivo no Freixo Rock de 2016
Escoita a música O Muíño