Grupo coruñés de folc-rock encadrado no movemento Bravú, creado a mediados dos anos noventa. Separáronse contra o ano 2001 e na actualidade varios dos seus integrantes continúan en activo en distintas bandas do panorama galego.
Todo comezou no ano 93, cando tres mozos admiradores dos Diplomáticos e Gwendal, Paco Ramos, Manolo Montero e Antón Díaz, comezaron a ensaiar, como moitos outros, no rocho da casa familiar dun deles. Despois dunha estrea abortada pola policía en Lugo e da fichaxe de Fran Amil mediante un anuncio posto nun bareto, deron o seu primeiro concerto na Facultade de Veterinaria da cidade das murallas o 21 de abril de 1994, aínda que se pode considerar que a estrea foi con dous temas interpretados na televisión local de Ferrol uns meses antes. Pouco despois o cuarteto pasou a quinteto, tras atoparen nos Ancares un gaiteiro de 16 anos, Xan Xove, que debutou coa banda no mítico Castañazo Rock de 1994, en Chantada. Na altura gravaron a súa primeira maqueta, Esplendor e caída da cantiga do moinante, en formato K7, nunha época en que compartían local de ensaio con Luar na Lubre na Asociación de Veciños da Agra do Orzán. Agás Amil, que tocara a batería e cantara nalgunha banda da Coruña, e Xove, compoñente dos Rexumeiros de Elviña, os compoñentes non tiñan coñecementos musiciais e conta a lenda que os folquis dubidaban seriamente da capacidade dos Papaqueixos para facer música. Trabucáronse de vez. Despois da inclusión do tema “Matías, o morcego” na compilación Unión Bravú, (Ed. do Cumio, 1996) os Papaqueixos foron argallando un son propio, coa entrada na banda do guitarrista Tino Vilaro, substituído despois por Dani Pagès, do saxofón de Richi e mais da potente sección de ventos, Forza 7, nos concertos.
O grupo acada a madurez coa gravación do seu único disco, A lóxica aplastante do comité de propaganda, (Discos Trompo, 1999), un traballo que é unha bomba sonora onde se misturan a retranca, a poesía, a sonoridade celta, o punk e o Cuco de Velle. Zarrapicados con “retallos” delirantes onde a banda expresa filias, fobias e paranoias, os temas do traballo presentan unha diversidade cargada cara ao folc rock no musical e cara á ironía absoluta nas letras. En total 13 cancións e 5 retallos compoñen o disco, onde hai espazo para versionear a ritmo ska ”O Paraugas de José” ou a Gordon Duncan, aínda que a meirande parte dos temas son de composición propia, salientando entre eles a acelerada “Matías O Morcego”, -gravada para a ocasión nunha versión curta-, e a irónica “Teknotrafikante”, irreverente hit parade daquel traballo discográfico, que para moitos representa o Galicia caníbal dos anos 90. O retrousiño do Sito Miñanco! Preso político! soou arreo e non só na Galiza, mais deseguro con máis raiba, -e rexouba-, aquí. Ao vivo, entre o virtuosismo na gaita de Xan Xove e a contundencia da base rítmica que argallaban entre os bombos Fran Amil e no baixo Antón Díaz, voaban frauta, Manolo Montero, e guitarras, Paco Ramos e Faustino Vilaro, para apresentaren pezas que podían choutar nun segundo da dozura do tradicional á potencia do punk-rock sen que a mudanza parecese estraña. Os Papaqueixos teñen tocado en innumerabeis locais e festivais do país todo, como a Festa da Fraga, nas Pontes, a Festa Folc de Vilariño, o Irmandiño de Moeche, o Intercéltico do Morrazo, a Noite da Tralla, en Malpica, as Festas da Dorna de Ribeira ou o Grelo Folc, ao que volveron no ano 2009, nunha volta aos escenarios puntual, e moi exitosa, co gallo do décimo aniversario do festival de Monfero. Tamén saíron tocar fóra da Galiza, a Euskal Herria, onde tiveron a ocasión de ser xurado no concurso de Marmitako de Altsasu, ou a Catalunya, onde tocaron coa Caravans des Quartiers en Nou Barris, Barcelona. Aínda que o maior éxito alén das nosas fronteiras o acadaron na Nuoche Celta de Candás, Asturias, onde tocaron varias veces e nunha delas un entolecido grupo de seareiros subiu a facer unha perfomance fariñeira con Teknotrafikante que rematou co palco afundindo e a fariña cubríndoo todo. A andaina dos Papaqueixos rematou no 2001, nunha época en que desapareceron moitos outros grupos daquela primeira fornada de rock galego que eles propios deron en chamar Rock Bravú. Concretamente, o derradeiro concerto do grupo foi en Melide, no mes de abril, compartindo cartaz con Obús. Na actualidade, ano 2010, varios dos compoñentes dos Papaqueixos continúan andaina musical enrolados noutras formacións: Antón Díaz, Fran Amil e Tino Vilaro nos Ultraqäns, -os dous primeiros tamén nos Tres Trebóns e Antón tamén con Tic-Tac-, Manolo Montero na Banda Potenkim, mentres que Xan Xove, despois de pasar polos tamén descatalogados Jarbanzo Negro, colabora puntualmente cos Tres Trebóns. Paco Ramos leva traballando como técnico de son desde que deixaron o grupo.
Formación
Malia que o núcleo da banda estivo composto polos sete citados, máis persoas tocaron nalgunha época cos Papaqueixos. Eis a listaxe completa: - Antón Xosé Díaz Gómez: baixo. - Xan Xosé Xove González: gaita. - Manolo Montero de Madagascar: frauta e voz. - Faustino Vilaro Romay: guitarra. - Paco Ramos Cancelo: guitarra. - Francisco Amil Serantes: batería. - Richi: saxofón. - Dani Pagès: guitarra. - Esther Vila: acordeón. - Jonet Middleton: violín. - Fernando Vázquez "Escolo": voz. - Jose: pandeiro e voz. - Pedrito Constenla: son. - Gancedo: violino. Forza 7 - Xúlio: trompa. - Iago: trombón. - Suso: clarinete. - Pablo: trompeta.
Discografía
- Esplendor e caída da cantiga do moinante, (maqueta). Autoproducida, 1994. - A lóxica aplastante do comité de propaganda, (Discos Trompo, 1999).
Recompilatorios
- Unión Bravú, (Edicións do Cumio, 1996), co tema “Matías, o Morcego”. - Premio Xuventude Folk, (Xunta de Galicia, 1998), cos temas "Charco de lefa no dinning room", "Ambiente rueiro en Bratislava", "Vilar de Santos Boulevard", "Quindoustres”.
Os Papaqueixos ao vivo + Entrevista no Castañazo Rock 2012