Foi un grupo de rock creado na Coruña en 1981, moi activo na escena do rock galego na súa andaina e grupo de culto para boa parte da mocidade do seu tempo, nomeadamente na cidade da Coruña e nas comarcas de Ferrolterra, Bergantiños, etc.
Formación atípica, xermolada por dous xornalistas coruñeses, Xosé Manuel Pereiro e Santiago Romero, o seu labor artístico excedía o estritamente musical e tamén facían parte da publicación alternativa La Naval (1986-1987) para alén de colaborararen co poeta Lois Pereiro, homenaxeado no Día das Letras do 2011 e irmán do cantante X. M. Pereiro.
Gravaron o seu único LP (Nin falta que fai), no ano 1985, despois de gañaren un concurso de RNE. O traballo tivo repercusión na altura pero non chegou ao éxito que colleitaban daquela formacións como Siniestro ou Os Resentidos. Porén, hoxe é considerado peza fundamental do rock do país. Dous anos despois de gravaren o disco, a banda disolveuse.
Co gallo da devandita homenaxe a Lois Pereiro no Día das Letras, argallouse a volta dos Radio Océano, nun concerto homenaxe a cargo de varios grupos, que tivo lugar o 22 de abril de 2010 na sala Nasa de Santiago de Compostela. O concerto rematou coa actuación da histórica banda.
Na segunda década do século XXI, Radio Océano seguiu a nos enviar mostras intermitentes da súa actividade até que no 2018 dan en publicar da man de Subterfuge Records Memorias do Óxido, un disco duplo que recolle por unha banda versións gravadas en estudio nos anos 1983, 84 e 86 de 12 das súas cancións e por outra gravacións ao vivo realizadas naquela época agás unha, Coma o vento, recollida nun concerto que deron na Coruña no 2017.
PARA ESCOITARES A MÚSICA DE RADIO OCÉANO PRECISAS DE TE REXISTRAR DE BALDE EN DEEZER: LOGIN
Memorias do Óxido (Subterfuge Records, 2018)
Memorias do Óxido - directos (Subterfuge Records, 2018)