SES é o nome artístico de María Xosé Silvar, cantautora coruñesa con raíces bergantiñás nada no 1982 que se converteu nunha das artistas máis importantes en canto a repercusión, vendas, etc. na música galega do século XXI.
Ao vivo no auditorio Mar de Vigo, coa súa banda en febreiro de 2017
SES -ou Sés- deuse a coñecer no ano 2007, cando creou o grupo Chámalle Xis! xunto con outros tres amigos, co que gañaron o concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galiza con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos e artistas coma Zënzar, Xabier Díaz, Xosé Bocixa e Guillerme Fernández, en 2010 Sés gravou unha maqueta con tres temas Tola atrás de ti, Admirando a condición e Se te vas, producida por Airapro. En marzo de 2011 gravou o seu primeiro álbum de estudio chamado Admirando a condición, e o 7 de xuño de 2013 presentou o segundo álbum Co xenio destrozado, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Dous anos despois saíu á venda o seu terceiro disco: Tronzar os valos. En novembro de 2016 lanza o sinxelo A Paz Esquiva, preludio do seu cuarto álbum: Opoñerse á extinción, que se lanza o 2 de decembro de 2016.
En novembro de 2017 presenta o sinxelo Readmirando a condición, preludio do seu quinto álbum de estudio, que vai recoller ademais as once cancións do seu primeiro álbum, Admirando a condición (2011). A artista tiña manifestado en diversas ocasións o pouco control que tivera sobre o proceso de gravación do seu disco de estrea e desta volta os doce tracks están musicados e arranxados pola propia Sés, que exerce nel de produtora musical e executiva.
En marzo de 2019 ve a luz Rabia ao silencio, un álbum no que versiona cancións revolucionarias, principalmente de Latinoamérica (Carlos Puebla, Mercedes Sosa ou Soledad Bravo entre outros) aínda que tamén de Portugal (José Afonso) ou de Galicia (Fuxan os Ventos).
Nun panorama precario como o da música galega, o éxito de SES na segunda década do século XXI despois de apostar decididamente pola profesionalización do seu proxecto fala ben ás claras da fonda pegada que está a ter na música do país. Andaina profesional e éxito acadados ademais sen se morder a lingua, pois en multitude de ocasións ten expresado o seu parecer sen medias tintas sobre diversos temas, algo que tamén realiza decote nos seus concertos até o punto de o integrar plenamente na súa proposta artística.
(Actualizado en novembro de 2019)
PARA ESCOITARES A MÚSICA DE SES PRECISAS DE TE REXISTRAR DE BALDE EN DEEZER: LOGIN
Rabia ao silencio (2019)
Readmirando a condición (2017)
Opoñerse á extinción (2016)
Tronzar os valos (2015)
Co xenio destrozado (2013)