Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile.
O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.
Muiñeira de Negreira - Alana
No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. O xeito á cántigha é o seu disco de estrea e foi publicado en maio de 2024, mentres que Un saber é o seu segundo traballo, publicouse o 10 de abril de 2026 e foi presentado na Sala Capitol de Compostela o 18 dese mes.
Un saber (título que fai referencia ao saber popular das señoras) conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira. Neste segundo traballo, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a base electrónica e pop que xa os acompañaba na súa estrea e que lle confire á banda a súa sonoridade característica.