Músico nado en Caracas en 1960, aínda que axiña veu a vivir a Ourense, de xa longa traxectoria no eido do jazz onde comezou no ano 1983 con Baio Ensemble e desde o que ten explorado tamén o folk.
O seu achegamento ao folk prodúcese da man do Alberto Conde grupo, que publicou dous traballos discográficos A lagoa dos Atlantes, (Calve Records, 1997) e Celtrópolis, (Clave Records, 1999) onde pescuda nas posibilidades de fusión do folk e mais o jazz, acompañado dunha serie de músicos na súa banda, Kin García, baixo, Andrés Rivas, batería, Marcos Padrón, acordeón, Marcos Campos, gaitas e frautas, Paco Juncal, violín, Aurora Filgueira, voz e pandeireta, e mais nas colaboracións, Uxía, Anxo Pintos,..., que lle permiten achegarse á musica galega dende a súa experiencia jazzística. Hoxendía Alberto Conde está embarcado nun novo proxecto, Alberto Conde Trío, onde une ao son do seu piano, o contrabaixo de Baldo Martínez, membro fundador do grupo de jazz Clunia cunha longa traxectoria tanto en solitario coma en senlleiras formacións do jazz nacional, e mais a batería e percusións do afro-americano Nirankar Khalsa. O trío gravou a súa estrea en 2003, Entremares, (Karonte/Nuba Records, 2004), música do mundo con orixe galega e arrecendo á cultura afro-americana. Despois publicaron Andaina, (Karonte/Nuba Records, 2006), traballo que continúa a liña do disco anterior.
No ano 2007 gaña a praza como profesor emérito de piano-jazz no Conservatorio Superior da Coruña no que exerce desde entón.
No 2009 Alberto Conde participou na gravación de Atlantic Bridge, (Karonte, 2009), novo proxecto musical que une as culturas ibérica e norteamericana a través do jazz.
No 2012 produce e grava un novo álbum baixo o título Villa-Lobos a new way coa soprano Carmen Durán e o Atlantic Trío (base do grupo Atlantic Bridge, formado polo contrabaixista Kin García, o batería Miguel Cabana e o propio Alberto Conde) con textos do poeta e musicólogo JR Bustamante, que revisa e adapta ao jazz, desde unha estética clásica, a obra do compositor brasileiro Heitor Vila-Lobos. Disco editado en 2013 por Karonte Records e presentado e editado co patrocinio da Xunta de Galicia.
En 2014 produce, grava e estrea no X Festival Imaxina Sons de Vigo, un novo proxecto discográfico co título Human Evolution Music Proyect, disco que revisa programaticamente a evolución humana e que resulta do mestizaxe do Jazz Ibérico coa Música Clásica India, sendo pionero no diálogo interactivo do piano co sitar. O disco é editado polo selo Jazz Records de Coímbra.
Tres anos despois crea unha nova formación musical coa colaboración do baixista Carlos Barretto e do baterista Alexandre Fração, ambos portugueses, que afonda na interpretación de novas composicións do repertorio do jazz ibérico con obras de Pablo Beltrán, José Valente, do propio Alberto Conde e de Bernardo Sassetti, recoñecido pianista e compositor portugués falecido en accidente no 2012.
Entre o 24 e o 28 de novembro de 2017, o Alberto Conde Iberian Roots trío realizou dous concertos e o rexistro sonoro disco The Wake of an Artist – Homenaxe a Bernardo Sassetti, 5 anos logo da súa morte.
(Actualizado en xullo de 2020)
Escoita o último disco de Alberto Conde en Spotify
ESCOITA A MÚSICA DE ALBERTO CONDE EN DEEZER