Cantautor nado en San Pedro de Devesas, O Bierzo, León, e que malia ter vivido a meirande parte da súa vida fóra dos lindeiros da Galiza administrativa: no seu Bierzo natal, en París, en Segovia,..., vén desenvolvendo unha inxente laboura artística na que o noso país é unha referencia senlleira.
Xa dende o seu primeiro traballo discográfico, Vida e morte, (Hispavox, 1974), a presenza da lingua galega, nomeadamente as versións musicadas de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana, Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro, así como de moitas cancións tradicionais galegas, para alén do seu labor na recuperación e normalización dun instrumento por aquela datas esquencido pola música galega, a zanfona, permiten sinalar a Prada coma un dos precursores do novo folk nacional. Cómpre falarmos da simbiose entre a música do berciano e a poesía rosaliana, feito que lle deparou popularidade incluso entre o gran público galego por mor dos dous discos, Rosalía de Castro, (Fonomusic, 1975) e Rosas a Rosalía (Fonomusic, 1987), que lle adicou á poetisa. De feito, hoxendía moitas das composicións da santiaguesa viven no acervo popular baixo a feitura que Amancio Prada lles deu. Ademais dos devanditos traballos, o músico berciano ten publicado tamén Caravel de caraveles (Fonomusic, 1976), onde cunha ollada innovadora versiona cantigas tradicionais acochando o son da súa zanfona entre frauta, percusión e violoncello; Lelia Doura (Fonomusic, 1980), outra volta a mesma instrumentación para arroupar textos tirados da lírica medieval; A dama e o cabaleiro (Ariola, 1987), que troca a austeridade anterior por unha instrumentación máis complexa para cantar exclusivamente versos de Cunqueiro e De mar e terra, (EMI, 1999), onde recupera a súa liña instrumental habitual para de volta procurar as súas composicións entre as cantigas populares. O cantautor berciano volveu a se achegar á cultura galega en Rosalía, siempre, (2005), no entanto, nos seus seguintes traballos está a explorar a poesía de autores españois como Jorge Manrique.
Non será até o 2013 cando o berciano se ocupe de novo coa temática galega, con Federico García Lorca. Poeta en Galicia, publicado por Musicamaina no 2013 e Resonancias de Rosalía, no 2014.
ESCOITA O ÚLTIMO DISCO DE AMANCIO PRADA EN SPOTIFY
ESCOITA A MÚSICA DE AMANCIO PRADA EN DEEZER