Violinista pontevedrés que formou parte de Milladoiro durante sete anos -do 1992 ao 1999-, para logo sacar en solitario De Galicia ó ceo, (Clave Records, 1999), traballo onde escolle unha serie de pezas tradicionais para desenvolvelas baixo os recursos que a súa formación clásica lle ten achegado, seguindo a liña marcada polo seu antigo grupo nunha das facetas do seu quefacer artístico, de mistura do clásico e o tradicional.
Seijo non continou andaina en solitario e centrouse na súa faceta docente -ten a praza de profesor de violín no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra- e mais na colaboración con importantes artistas do mainstream musical como Julio Iglesias, Tom Jones ou Bonnie Tayler. Na actualidade continúa a súa faceta máis clásica en Bows String Trío, actúa como artista convidado en cruceiros de luxo e revisita clásicos do pop do século XX con Antonio Seijo & Skylight.
ESCOITA DE GALICIA Ó CEO EN SPOTIFY