Grupo vigués de irregular traxectoria ao longo dos anos 90 do século pasado e apenas coñecido fóra do eido folk, que gravou dous discos, ademais de participar nun traballo colectivo xunto con Dhais e Galerna, Arma Marmórica, (Sons Galiza, 1992).
Os discos están curiosamente vencellados ambos os dous coa televisión xa que o primeiro editado e derradeiro en ser gravado, Os Viaxeiros da luz, (Sons Galiza, 1991) era a banda sonora da serie homónima da TVG, e o segundo, Armeghín, (RTVE Música, 1993) está editado polo ente público estatal. Isto condicionou o labor de difusión do traballo, de moi pouca repercusión, e propiciou o esmorecemento posterior do grupo, co que os seus membros pasaron a integrar outras formacións folk galegas.
Armeguín estaba composto por: Susana R. Varela (voz), Kiko Comesaña, despois en Berrogüetto (arpa e guitarras), Nacho Muñoz (Teclados), Cándido Vidal (Clarinete e frautas), Xabier Escribano (Bouzuki e sitar), Xabier Escobar e Antón Pena (percusións).
Podes escoitar un petisco de Os Viaxeiros da luz ou mercar o disco na web de SonsGaliza.