Grupo lugués creado a comezos dos anos oitenta, concretamente no 1982 aínda que o seu primeiro traballo, Kalaikia, editoullo Philips en 1983. O nome do grupo, Brath era o pai de Breogán na mitoloxía celta, dá unha pista das súas influencias, sonoridades celtas que nacen fundamentalmente dende o folclore tradicional, ao que incoporan unhas estruturas rítmicas máis complexas. Creado ao redor da figura do baterista Eloi Caldeiro, tamén coñecido polo seu labor coma poeta, por Brath teñen tamén pasado outros moitos músicos, coma por exemplo Pepe Vaamonde. Precisamente o feito de ser a batería o instrumento senlleiro de Brath confírelles certa singularidade no eido do folk galego.
As seguintes gravacións en estudo de Brath, A Lembranza da Auga, 1988, e Néboa infinda, 1993, xa as realizaron na súa propia editora discográfica, Sons Galiza, que dende 1988 vén traballando na cidade de Lugo a prol dunha industria discográfica de noso. Despois dunha tempada de silencio, no 2000 apareceu 5inco, (Sons Galiza, 2000), cunha meirande presenza de temas cantados, apoiada na produción poética do propio Caldeiro, onde a temática social: insubmisión, machismo, prostitución infantil,..., protagoniza o discurso do grupo.
5inco foi o primeiro traballo dunha triloxía que completarían Rodeira, (Sons Galiza, 2002), centrado na denuncia da degradación do medio natural que sofre Galiza e a última achega da terna, O latexo do fogo, (Sons Galiza, 2004), que fala das relacións interpersoais. Inseridos de cheo nunha época prolífica, os Brath aínda editaron dous traballos máis nesa década, Bulevar océano, VOL. 1, (Sons Galiza, 2005) e Intres, (Sons Galiza, 2006).
Terían que pasar 7 anos até que a banda liderada por Eloi Caldeiro volvese publicar un disco, Códex (Sons Galiza, 2013), ao que seguiu Enxebre (Sons Galiza, 2017), publicado o ano do 35º aniversario de Brath.
Enxebre (Sons Galiza, 2017)
Intres (Sons Galiza, 2006)
Néboa (Sons Galiza, 1993)