Dequenvesendo é un grupo de folk formado por músicos e músicas de Arteixo e da Coruña. Segundo eles mesmo, a banda bebe da tradición para actualizar o folk galego. O grupo nace no 2016 no seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto baseado nos cuartetos de música tradicional. Desde os seus inicios, o grupo deixa a súa impronta en foliadas de prestixio como os Cantos de Taberna de Folgoso do Courel ou en citas como o Festival da Carballeira de Zas.
A experimentación sonora e o achegamento ao traballo de grupos como Luar na Lubre, Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers dán paso, desde a tradición, ao folk contemporáneo. As influencias de diversos estilos musicais resoan nos seus directos e o grupo acada a súa actual formación, de 6 membros multiintrumentistas, no ano 2018.
Neste tempo a banda convértese nunha peza chave da programación musical de míticos locais como Casa das Crechas ou Cova Céltica e acada o recoñecemento en eventos de primeiro nivel. É o caso do Festival de Ortigueira, cita na que se proclama gañadora do Concurso Runas 2019 xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojima. No 2020 o grupo impulsa e finaliza, exitosamente, unha campaña de micromecenado apoiada por máis de 160 persoas co obxectivo de publicar o seu primeiro LP, que é publicado o 8 de setembro de 2020.
Formación
Bieito Romero: gaita, frauta traveseira.
Irene Cerqueiro: voz, frauta traveseira, teclado.
Pablo Rosales: whistle, zanfoña, gaitas.
Jorge Salgado: guitarras, bouzouki, teclado.
Miguel Ocampo: percusión.
Miguel Rosales: acordeón diatónico, teclado.
Javier A. Ferreiro: técnico de son