Grupo lalinense que realizou a súa estrea co disco homónimo editado polo selo Sons Galiza en 1993. Porén, o grupo participara antes no disco colectivo Arca Marmórica, (Sons Galiza, 1992), xunto coas bandas Armeghín e Galerna. A pesar de ter participado en dúas ocasións no Celtic Connections escocés, Dhais nunca foron un grupo moi coñecido polo público galego e a súa presenza nos escenarios do país foi escasa. Isto non lles impediu deixar un interesante legado musical, que culminarían co seu segundo e derradeiro traballo, Arman Vela, (madame Mir, 2001), presentado curiosamente no seu concerto de despedida, na sala Nasa en abril de 2000.
Despois de tres traballos discográficos no mercado e moitos concertos, co comezo do milenio Dhais deixaba os escenarios e cada un dos seus membros emprendía camiños distintos. A ansiada profesionalización do grupo no foi posible polas ocupacións duns e doutros, pero as cancións desta xa mítica banda folk permanecen hoxe na memoria de moitos galegos e son pezas veneradas por grupos que, desde a súa fundación, consideraban a este grupo como un dos grandes do país. Nunca tiveron a difusión nin a dimensión de formacións contemporáneas, aínda que si o respeto dos seus incondicionais e de prestixiosos festivais escoceses ou de distintos puntos da península, posto que non formaron parte dese rexurdimento temporal que tivo a música tradicional galega de mediados e finais dos anos 90. A desaparición amistosa de Dhais coincide co pasamento dunha das súas figuras. O querido e respetado Luis Areán desapareceu, en xuño de 2000, pouco despois dos agardados concertos de Santiago, Lalín e Vila de Cruces, nos que o grupo interpretaba temas do seu último disco; Arman Vela. O cedé editaríase dous anos despois, xa sen Luis e coa separación anunciada. Luis (frauta), Manuel Amigo (gaitas), Pablo Caramés (percusión), Zalo Martínez (guitarras), Quim Farinha (violín) e César Morais (baixo) prepararon un traballo con colaboracións de amigos e outros intérpretes e conseguiron que o tema que leva o título do disco sexa case que un himno xeracional para moitos dos seus fieis seguidores.