Banda ourensá nada no 2002 pero que non publicou o seu primeiro LP até o 2010, Fronkiria, gravado nos estudios Mafia Records do Carballiño e autoeditado pola banda.
A súa é música de fusión, con raigame na tradición pero sen medo a experimentar coas novas sonoridades, nomeadamente co rock e mais o funk, o que os leva a artellar un son moi particular, que lembra nalgún recanto dos seus temas aos históricos Papaqueixos. Catro anos despois da súa primeira incursión nuns estudios, -en 2006, para gravar a maqueta Anoitecer, con Pedro Feijoo nos estudios Muu! de Vigo, traballo que non tivo nin de lonxe a repercusión que tivo o seu álbum de estrea-, os Ergom volven para levar ao disco o estilo Fronky, -folc, rock, funky-, e o universo dual no que din estar inmersos. Unha dualidade omnipresente: Realidade-Fantasía, Tecnoloxía-Artesanía, pola que navegan curiosos os integrantes da banda e que quizais lles sirva de válvula de escape da monotonía do universo virtual en que nos encerran. Ración dupla, posta dual dunha banda instrumental composta por Santi Rodríguez na gaita solista e o whistle; David Nóvoa nas guitarras eléctrica e acústica, flauta e whistle; David Blanco no piano e nos teclados; Lorena Negreira na batería e percusións e mais Alberto Godoy no baixo eléctrico.
A banda desfíxose na segunda década do século XXI.