Grupo folk creado a comezos dos 90, despois da desaparición de Xorima por algúns dos seus integrantes, Xosé Ramón Vázquez e Xavier Bueno, co engadido do ex-Armeghín Quico Comesaña, e mais Quim Farinha. A banda consolidou paseniño unha traxectoria notábel que os levou a publicar seis traballos no seu camiño.
A proposta de Fía na roca foi pioneira na actualización do folk galego, coa aceptación de referentes afastados dos tradicionais e a creación dun estilo que axiña captou adeptos entre o publico gorentoso de produtos de calidade. Pódese falar de tres etapas na traxectoria do grupo: unha que abrangue os cinco primeiros anos da década dos noventa, reflectida nun traballo homónimo e autoeditado, no seu selo Corda Frouxa en 1993, que sorprendeu polas devanditas influencias arábigas e jazzísticas e onde a parte instrumental protagonizaba a música do grupo. Despois veu o paréntese que supuxo a saída de Quim Farinha e Quico Comesaña, enrolados no proxecto Berrogüetto, e a incorporación definitiva do ex-percusionista de Doa Carlos Castro, antes colaborador, que xunto aos veteráns Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno compoñen a cerna desta nova etapa, que se alongou até 2007, e onde o número de integrantes medrou até chegar a sete coa incorporación da cantante Sonia Lebedinski no terceiro disco, Contravento. Antes apareceu Agardando que pase algo, (Resistencia, 1997), onde os trocos na formación non restaron calidade nin capacidade de experimentar á banda. Si que foi apreciábel a modificación experimentada coa entrada de Lebedinski, presenta xa en Contravento, que outorgou protagonismo á voz, até o momento practicamente testemuñal nas cancións do grupo, malia tiraren o nome dunha peza cantada tradicional, “A troula de Campañó”.
Formación da terceira etapa de Fía, con Lebedinky e Berlai entre outros. Fonte: fianaroca.com
Os integrantes de Fía na roca decidiron celebrar o seu décimo aniversario coa gravación dun interesante directo, que fai un percorrido pola súa carreira e que foi publicado en 2004, Dez anos ao vivo. Ademais, co gallo do décimo aniversario da banda, foron publicados de volta, remasterizados, os tres discos anteriores.
Ao vivo no Teatro Principal de Compostela
No 2007 editouse o seu quinto traballo discográfico chamado Vente vindo. Comeza con el a terceira e derradeira etapa de Fía na roca que, despois de tres discos de estudio e un ao vivo fundamentalmente instrumentais, presenta por primeira vez un disco con moitos temas cantados, tirados principalmente en fontes tradicionais. Coa voz de Sonia Lebedynski, Fía na roca foron pioneiros no achegamento ao pop sen caer en fórmulas comerciais nin estándares de éxito que percorreron con éxito na seguinte década outras formacións. Alén do protagonismo da voz, esta terceira etapa tamén trouxo mudanzas na formación, despois de sufrir a ausencia de Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto, o grupo anóvase coa entrada de Xabier Olite, ex-membro da Psicofónica de Conxo, que se ocupa dos baixos, e Roberto Rama, procedente do mundo tradicional, que se encarga de gaitas, saxos e low whistles. Xunto con Sonia Lebedynski, Xosé Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, está foi a formación que gravou en 2008, polo 15º aniversario, un concerto no Teatro Principal de Compostela, editado en DVD baixo o título de Quince maios en 2009, con Pablo Barreiro como técnico de son e responsábel da gravación.
Fía na roca tivo unha grande proxección internacional da banda, e tocou en escenarios de Francia, Italia e Alemaña e incluso en América do Sur, nunha xira pola Arxentina e O Uruguai. En 2010 anunciaron que se despedirían dos escenarios en xaneiro de 2011, cun derradeiro concerto no festival Celtic Connections de Glasgow.
ESCOITA FÍA NA ROCA
Fía na roca (1993)
Agardando que pase algo (1997)
Contravento (2001)
Dez anos ao vivo (2004)