Grupo creado na Coruña, a mediados dos 80, e que gravou o seu primeiro traballo, O son do ar, (Edigal ,1988), ao remate desa década. Dende os seus comezos é evidente a pegada no son do grupo da música celta, con continuas aportacións dos folklores irlandés e escocés ás súas pezas, que moitas veces teñen un innegable arrecendo a esas sonoridades, mais que non lles impide saber atopar tamén entre o noso folclore composicións que engadir nos seus traballos, a carón dunha salientable produción propia, nomeadamente do gaiteiro Bieito Romero, onde tamén se conxugan as dúas tendencias devanditas, a que mira ao norte e a que olla para a propia terra, que os converten no elo primoridal na nosa conexión atlántica.
Proba disto foi o seu segundo traballo, Beira Atlántica, (Sons Galiza, 1990), onde malia ser maioritarias as composicións tradicionais, as arelas pancélticas veñen da man de varios textos, de Castelao, de Felipe Senén e da tradución ao noso idioma dunha das lendas do Leabhar Ghadhala irlandés, precisamente aquela en que se fala de Brath e do seu fillo Breogán que un día decidiu abandonar a súa Brigantia natal –A Coruña?, Betanzos?, Bergantiños?- despois de ollar unha illa, Irlanda, dende o alto do faro da vila e decidir ir deica ela. A primeira etapa de Luar, na que o éxito masivo aínda non lles chegara, rematou co terceiro traballo, Ara Solis, (Sons Galiza, 1993), onde manteñen unha liña argumental apenas mudada dende a súa estrea, cunha instrumentación “clásica” dos grupos folk que existían na época: gaitas, frautas, violín, guitarra,..., e case que nula presenza da voz. Todo mudou de vez cando o músico inglés Mike Oldfield versionou o tema que dera nome ao seu primeiro traballo, O son do ar, traducido a The Sound of the air na versión do guitarrista, e levou a Luar na Lubre ate as grandes listas de vendas. Fichados por unha multinacional, o grupo, xunto a Carlos Núñez e o gaiteru asturiano Hevia, protagonizou o boom mediático do folk “celta” hispano, o que lles permitiu chegar a disco de ouro co seu seguinte traballo, Plenilunio, (Warner, 1997), despois de acompañar a Mike Oldfield na xira mundial do Tubular Bells III. Este traballo, onde volven gravar o devandito tema, supón tamén a entrada no grupo da monfortina Rosa Cedrón, que ademais do seu violoncello aportou á formación un meirande protagonismo para a voz, ate daquela apenas presente nunha ou dúas composicións de cada traballo da man de Ana Espinosa, unha voz de seu que se afastaba do xeito de cantar habitual no folk, obviamente pola súa formación clásica, e que se veu converter nun dos sinais de identidade do grupo ate a marcha de Cedrón no 2005, para lle deixar oco á portuguesa Sara Vidal. A produción de Luar continou en 1999 con Cabo do mundo, outra volta na multinacional Warner, onde sobrancea “Chove en Santiago”, tema en que o grupo musica un dos poemas galegos de Lorca, e que aproveita todo o potencial de Cedrón para lle imprimir unha forza e feituras únicas. O disco, quizais o mellor desta xeira, é unha homenaxe a Urbano Lugrís, que tamén soubo reflectir o atlantismo na súa obra, e nel ademais do tema devandito, destacan as moitas pezas pertencentes ao repertorio doutras formacións galegas, Fuxan os Ventos, Faltriqueira,..., co que parecen querer reafirmar as súas orixes inequívocas. Despois chegoulle a quenda ao recompilatorio, Lo mejor de Luar na lubre. XV aniversario, (Warner, 2001), onde recollen, acarón de tres pezas novas “Camariñas”, “Grial” e “Terra”, os seus temas máis coñecidos.
A nova xeira comezou con Espiral, (Warner, 2002), un disco cativo na duración, apenas 35 minutos e onde salientan a versión de “El derecho a vivir en paz” de Víctor Jara e o aire irlandés que percorre o traballo, onde ten moito que ver as mesturas de Tim Martin e a produción de Donnal Lunny, que pretendeu tamén achegar ao estudo a forza e frescura que Luar viña deitando dende sempre nos escenarios. O seu derradeiro traballo polo de agora é Hai un paraíso, (Warner, 2004), disco máis vogal ca nunca, onde xa aparece a nova voz do grupo, Sara Vidal, na versión de “O meu país”, tema de Miro Casabella, ou incluso unha versión feita por Carlos Jean do tema que dá nome ao traballo, por outra banda escolleito para a “banda sonora” do Xacobeo 2004. Ao propio disco hai que engadir un proxecto audiovisual que mistura a maxia do Teixedal de Casaio, Ourense, xoia do noso patrimonio natural, coa música do grupo: Un bosque de música, documental dirixido por Ignacio Vilar, que colleitou éxitos en diversos festivais cinematográficos. Despois chegou Camiños da fin da terra, (Warner, 2007), décimo álbum da formación. Este traballo, que foi apresentado por vez primeira ao vivo no Teatro Colón da Coruña a finais de outubro de 2007, constitúe un retorno aos elementos que caracterizan a música dos Luar na Lubre, -certamente, de boa parte do folc galego-, cun achegamento á vertente celta da música anglosaxoa, unha sonoridade que por veces arrecende ao medievo, algunha aos labores do agro e outras á romaría e mais unha intención clara de facer música xa non dende unha ollada céltica, mais si dende unha perspectiva atlántica.
En xuño de 2012 publican Mar Maior.
Chove en Santiago, ao vivo na Festa Folc de Vilariño en 2019