Martín Mondragón, natural do concello de Teo, é un artista galego coñecido como Mondra. A pesar de comezar a súa carreira artística como bailador, desde 2023 encetou a súa andaina como cantante, con xa dous discos publicados, e converteuse nun dos referentes do novo trad galego.
Nado da na parroquia de Recesende, de menos de 500 habitantes, no concello de Teo, Mondra comezou a súa carreira profesional na compañía de danza de Fran Sieira, e a súa condición de bailador non o abandonou na súa nova faceta artística, caracterizada ao vivo por unha coidada posta en escena na que o baile ten un gran protagonismo.

En setembro do ano 2023 editou a súa estrea discográfica, Ardén (Altafonte, 2023), disco que combina a música tradicional con sonoridades actuais, electrónica, rap,.... mestura que se converteu no sinal de identidade do novo trad do país. O traballo recibiu unha grande acollida tanto no público coma na crítica, gañando o Premio Martín Códax 2024, na categoría de electrónica. A canción 'Quererse ben' resultou ademais gañadora do premio aRi[t]mar á Mellor Música do 2024 na Galiza. A xira posterior, a Folía dos Ardentes, ultrapasou as 80 datas, tanto na Galiza coma fóra.
Entrevista con Mondra no Revenidas 2023
Convertido nun dos nomes de referencia da nova música galega dos anos 20, Mondra chegou incluso a ser xurado no Luar na temporada 24/25.
En 2025 lanzou De ronda, (Altafonte, 2025) once cancións coa produción de Hevi no Laboratorio Soyuz. Trátase dun disco máis persoal pero tamén máis irreverente, que volveu contar cunha extensa xira entre 2025 e 2026.