Grupo de Ferrolterra que fixo a súa estrea discográfica en 1996, co disco gravado ao vivo Opa iii, (Do Fol, 1996), malia debutar coma formación catro anos antes nun festival benéfico realizado na vila de Cedeira. A curiosidade de realizar o seu primeiro disco con material gravado ao vivo xa permite albiscar a importancia que esta faceta tiña no grupo, que se consolidou durante a súa andaina como un dos mellores, senón o mellor, directos da música tradicional e folk galega.
Aínda que a súa estrea oficial, aínda como Cempés a secas, fose en Cedeira no 92, o xermolo da banda vén de antes, da amizade desde novos entre Carlos Zaera e Óscar Fernández Sanjurjo, que nos anos 80 viaxaron até o Festival de Saint Chartier para participar -e gañar- o concurso de gaiteiro solista, Zaera, e ambos o de dúo de gaita e acordeón.
Isto foi o pulo decisivo para montaren a banda, despois de chamar a Beto Niebla, no tamboril, Serxo Ces, pandeireta e mais Pablo Ces, no bombo, o que foi a primeira formación dos Cempés. Aínda como Cempés presentáronse en festivais de toda a península e co material gravado nalgúns deses concertos deron xeito ao seu disco de estrea, Opa iii. En 1995, o artesán e gaiteiro Antón Varela, Tonecho, moi próximo á banda acabou por se incorporar de vez a ela despois da desgrazada morte de Zaera nun accidente de tráfico, tras asistir a un concerto de Stephan Grappelli en Compostela.
É evidente o peso dos directos neste comezo da banda e é salientable a gran conexión que xa daquela tiñan co seu público. E parte importante desta conexión que os ferroláns de sempre conseguiron doadamente recaía no espírito choqueiro de Serxio Ces, encargado de levar o concerto, ir presentando os temas e de paso argallar unha ocorrencia coa que facer rir o público. De todos os xeitos, non se pode desde logo menosprezar a calidade e importancia dos traballos en estudio do grupo, que comezaron con Capitán re, (Do Fol, 1997), ao que seguiu Circo Montecuruto, (Do Fol, 2000).
Os Cempés, na época en que gravaron Tentemozo, 2012
Despois desta primeira etapa, onde Os Cempés foron engadindo aos poucos instrumentos, zanfona, saxofón,..., á instrumentación tradicional inicial, e que rematou coa ambiciosa xira do Circo Montecuruto, que incluía malabares e marionetas na presentación en directo, o grupo mudou a súa formación, coa marcha dos percusionistas Beto Niebla, que se enrolou na banda de Susana Seivane, e Pablo Ces e a incorporación do baterista Tony D’arco e o baixista Óscar Painceiras, trocos que trouxeron unha modificación tamén da proposta sonora d’Os Cempés, electrificada e moito máis próxima ao rock.
Posteriormente o grupo mudou o batería, coa entrada de Jose Piñeiro, e engadiu guitarra eléctrica, Cabe García. Esta nova xeira fica reflectida en Moe a moa, (Madame Mir, 2003), novo traballo ao vivo gravado en Vigo onde o grupo amosa a súa nova sonoridade. No 2005 editaron unha compilación coas mellores pezas da súa traxectoria máis un tema extra: “A Carolina TV”, versión do clásico galego. Este novo disco só se vendeu nos concertos da banda e foi editado polo selo Nakra.
Os Cempés foron uns dos participantes na Festa de Vilariño no 2014
A finais de 2007, cun concerto na praza Amboage de Ferrol o 22 de decembro, Os Cempés deron un adeus que se transformou nun deica logo no ano 2011, no que volveron aos escenarios. En 2012, realizaron unha exitosa campaña de micromecenado, grazas á cal gravaron un novo traballo, Tentemozo, en colaboración coa Escola Livre da Música Popular Galega.
Esta volta aos escenarios trouxo novas mudanzas á banda, que volveu ás orixes, abandonando o baixo e a guitarra eléctricos e mais a batería. Incorpóranse Fernando Barroso no Bouzuki, Pablo Dalama no saxo e clarinete e mais Ramón Dopico nas percusións, ficando Antón Varela, gaita, Serxio Ces, pandeireta e voz, e mais Óscar Fernández, zanfona, da formación anterior.
Despois deste seu quinto disco, Os Cempés volveron a ter presenza destacada nos festivais do país, así como a organizar actividades como A Bailar con Os Cempés!, concertos con obradoiro de baile previo, de pequeno formato, durante a década dos 10. Desgrazadamente, o gaiteiro e luthier Antón Varela falecía o 25 de xullo de 2017 e Os Cempés apenas volveron tocar na homenaxe celebrada no Teatro Jofre de Ferrol o 11 de marzo de 2018.
ESCOITA OS CEMPÉS
Opa iii (1996)
Capitán re (1997)
Circo Montecuruto (2000)
Tentemozo (2012)