Tanxugueiras é un trío de pandereiteiras galegas formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro. En 2018 editaron o seu primeiro disco co mesmo nome que o grupo, Tanxugueiras, co que gañaron o Premio MIN ao mellor disco en galego dese ano ou o Martín Códax 2019 na categoría Folk/Trad.
Ademais, percorreron máis de 100 escenarios e iniciaron unha proxección internacional que as levou a actuar na India, en Suíza, en Cuba ou Escocia e colaborar con grupos como Shooglenifty, Xabi Aburruzaga, Nao ou Esne Beltza.
No outono de 2019 publican 2 adiantos do seu novo traballo, con senllos videoclips, e o 22 de novembro dispoñibilizan en varias plataformas dixitais Contrapunto, segundo disco que presentaron nunha xira que comeza na Sala Rebullón de Mos o 29 de novembro e que as leva despois a Pontevedra, Celanova, Burela e Compostela.
O disco parte do traballo de Sabela, Aida e Olaia para avanzar nun son propio e plasmar a evolución do seu sentir musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. Así, Tanxugueiras asumiu nesta ocasión a definición tanto artística como musical do dsico, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Tanxugueiras din conxugar todos estes elementos para facer agromar un novo concepto: o trad, un selo característico entre a tradición e as novas formas da cultura urbana.
Contrapunto enténdese como un espello con cinco temas que transmiten sentimentos positivos que teñen o seu equivalente que fala sobre a cara amarga do mesmo. Desta volta, as letras tradicionais serven para cantar ao empoderamento da muller, unha temática que Tanxugueiras aborda en temas como Desposorio (o primeiro single do álbum), Irmandade e Maltraer, ou para afondar dun xeito cru na deslealdade e a traizón que se atopan en Perfidia. Son moitos os temas que Tanxugueiras toca no seu segundo disco, que ten cancións adicadas á liberdade política, a amizade, a vida e á liberdade de decisión que se complementan, na súa cara amarga, con letras como as de Autocracia , unha crítica á ditadura, ou as de Malquerenza sobre o desengano.
Este contraste de situacións trasládase tamén ao deseño do disco, obra de Sonia García, representado por un corvo femia. Un paxaro que é símbolo de impureza e maldade, presaxio de malos augurios en culturas mediterráneas e na tradición cristiá pero que se idolatra noutras latitudes como na cultura dos países nórdicos, Siberia ou Alaska e tamén no budismo. As protagonistas en Contrapunto volven ser as voces e as pandeiretas e a proximidade á música de baile. Unha concepción que se deixa notar tamén nos novos directos do grupo, deseñados ao detalle para levar ao público da intimidade á euforia.
Entrevista ás Tanxugueiras no Culturgal 2019
PARA ESCOITARES A DISCOGRAFÍA DAS TANXUGUEIRAS PRECISAS DE TE REXISTRAR DE BALDE EN DEEZER: LOGIN
Tanxugueiras (2018)
Contrapunto (2019)