Flow do Toxo é un grupo de rap formado en Ponteareas no 2018. Nadas no fervedoiro musical que está a ser a vila do Condado nos últimos anos e intimamente ligadas ao FestiVal das Brétemas, Flow do Toxo mostran unha progresión imparable. Aínda que elas modestamente din estar aínda a se afacer a pisar os escenarios, o certo é que a acollida do público alá onde van amosa ás claras que alén das letras reividicativas o seu estilo empata ben cun público ávido de novidades e ás veces unha miga canso de ver e ouvir os mesmos grupos e as mesmas cancións en todos os festivais do país.
Fillas do seu tempo, non publicaron aínda ningún disco, senón que polo de agora foron lanzando temas nas redes, sempre apoiados en videoclips sinxelos e ben feitos que son tamén da súa autoría. De feito, a autoxestión é o selo das Flow do Toxo e elas mesmas encárganse tanto do musical como do audiovisual no seu proxecto, así como da produción e promoción da banda. Queda dito que polo de agora non publicaron ningún LP, mais o certo é que si teñen xa gravado o seu disco de estrea, traballo que correu a cargo de Cristina Morquillas nos seus Estudios Broño, localizados nun deses recantos máxicos do país, perto de Compostela. A estrea das do Condado verá a luz con toda probabilidade antes do remate deste 2020 e nela terán oco tanto os temas xa publicados -como “Jo Ta Ke” coa colaboración da rapeira vasca La Basu- ademais de varias cancións novas que prometen sinalar cara a onde irá a súa andaina.