Os Trasnos de Moscoso nacen no 2003 cando tres rapaces de Moscoso e outro de Redondela se unen a través da canle expresiva do hip-hop.Dende o comezo tiñan ben claro o rap que lles apetecía: letras que describan a realidade que os rodea, actitude sincera e bases creativas, fuxindo de certos clichés que rodean a parte da escena hip-hop.
Os Trasnos de Moscoso foron Toneco e Alberto (voces), Mon (Dj) e Che (Productor). O resultado deste cóctel era un rap de rimas fortes e sólidas sobre un fondo musical que bebe da electrónica e fuxe do simplismo, distinguíndose da maioría das producións de rap na altura.
Os Trasnos posuían un directo serio, natural e intenso, onde a música non era un simple acompañamento das voces. Compartiron escenario con B.P.M., NAO, A BANDA DE POI, LEO i ARREMECAGHONA, TINO BAAZ, SKARNIO, BLEAK DAYS, MR. DRAMA, PÁNICO EN LAS CALLES, SL CREW, etc...
No 2004 comezan a gañar tablas e a curtirse como grupo cos seus primeiros concertos , para en setembro do 2005 paralizar as suas actuacións e adicarse completamente á gravación da súa primeira maqueta Denominación de orixe:Rap do país. O parto durou 9 meses, a comadrona foi Jimi, guitarrista de “Bleak Days”, que se ocupou da gravación, coprodución e masterización. A finais de 2006 quedan en terceiro lugar no Certame de Novos Creadores GZCrea organizado pola Xunta de Galicia. Tamén foron seleccionados para participar na Rede Galega de Música ao Vivo 2007.
No 2011 apareceu o segundo traballo dos Trasnos de Moscoso, Casa da Joaquina, (A Regueifa Plataforma, 2011), onde fan unha escolma sonora do traballo dos últimos 4 anos da banda, con Malvares, “O último que ri”, na voz e mOn nos pratos. Curiosamente, os 7 temas deste Casa da Joaquina supuxeron o testamento da formación creada no 2003, pois nos propios créditos do disco, -descargable de balde dende a web aregueifa.net-, dan por fechada a etapa cos Trasnos e anuncian asemade a botadura do Projeto Xido, como parte do colectivo Língua Nativa, proxecto que polo de agora é unha incógnita mais que supón a evolución lóxica despois da saída de Alberto Freaza, “Gordo”, da formación dos Trasnos que ficou reducida a unha soa voz. Gravada, misturada, masterizada e producida en Xabelo Records por Jimi Damolinera, de Bleak Days, Casa da Joaquina continúa a liña encetada coa estrea dos Trasnos, Denominación de Orixe: Rap do País, (A Regueifa Plataforma, 2007), que os colocou na liña mestra que marcaron, e seguen a marcar, Dios Ke Te Crew; rap feito en galego dende unha óptica aldeá e/ou vilega, que bate duro nos clixés do hip-hop urbano, violento, machista e capitalista que nos ofrece o mainstream.
Denominación de Orixe: Rap do País (A Regueifa Plataforma, 2007)
Casa da Joaquina (A Regueifa Plataforma, 2011)