Grupo de Vilanova de Lourenzá, Lugo, que comezou facendo punk-rock para despois achegarse a sons encadrables no rapcore ou no rapmetal. Creados a comezos dos 90, participaron no movemento Bravú e separáronse a finais da mesma década.
A finais dos 80, no tempo libre que lles deixa o instituto, un grupo de rapaces comeza bourear nos micros e bourar en latas de conserva, bidóns de pintura e caldeiros de cinc na Casa Vella, na aldea do Castro, parroquia e concello de Lourenzá. Daquelas rapazadas foi tomando forma o proxecto Skornabois, despois de que Xoán Villamel, Villano, na batería e Iván Laxe, inicialmente só co baixo, se unisen a Xermán Viluba, Torzón, guitarra, e Emilio López, Cele, voz principal, para dar o salto cualitativo que os colocou por méritos propios no, daquela, incipiente panorama rock galego. Alén da consolidación da formación coa entrada da base rítmica formada por Villano e Laxe, hai un ingrediente esóxeno que tamén tivo moito a ver na definitiva consolidación dos Skornabois e este é, -igual ca con outras moitas bandas na altura-, o apoio decidido de Xurxo Souto e os Diplomáticos de Monte Alto. Nesta primeira fase, o grupo chegou a gravar dúas maquetas moi rudimentarias en K7, The Escornabois e Terra Fertel.
Paseniñamente, o estilo dos Skornabois vaise enchoupando de elementos procedentes do hip-hop e as letras evolucionan para amosar con claridade os posicionamentos políticos dos seus integrantes. Semella abondo claro que a influencia de grupos como Os Resentidos, -o propio Reixa colaborou en dous dos temas do único LP do grupo-, e nomeadamente Negu Gorriak, -que na altura, 1993, tiraban o seu mítico Borreroak baditu milaka aurpegi-, son fundamentais para entender a evolución da banda, que pasou de ser unha banda máis de punk-rock coma as que na altura eran comúns na Galiza e noutras zonas da península para se converter nun referente da música galega de finais do século XX. Introduciron teclados e samplers, da man de Iván Laxe, e artellaron unha sonoridade de seu, baseada nun muro sonoro de guitarras poderosas e batería contundente, que só de cando en vez acouga para deixar aparecer ecos funk, sobre o que se van enfiando as letras rapeadas que amosan un compromiso político irrenunciable co país mais que sabe fuxir intelixentemente de consignas ocas e lugares comúns.
Porén, a súa participación na compilación Unión Bravú (Edicións do Cumio, 1996) co tema “A nova Fifí” aínda non permite apenas máis ca albiscar estas mudanzas no estilo do grupo, que estouran de vez na K7 “O Verme Homicida” (Chorima, 1996). Neste traballo aparecen de vez todos os sinais de identidade da banda, con cortes de crítica política como “A brosa do verdugo” ou “12-08-75”, -dedicado a Moncho Reboiras, asasinado nesa data en Ferrol pola policía española-, e outros claramente xa no terreo do hip-hop como “Da confianza veñen os abusos” ou “Verme homicida”. Un ano despois este último tema, “O verme homicida”, -verdadeiro hit-parade da banda-, aparece no recompilatorio “Bambán Vol.2” (Bambán, 1997) aínda que a grande achega da banda de Lourenzá á nosa música viría coa aparición do seu único LP, o homónimo “Skornabois” (Chorima, 1998). 16 cortes con sonoridades que van do industrial ao funk, moito hip-hop e moita fondura nas letras duns temas entre os que atopamos varios xa presentes na súa K7 “O Verme homicida” aos que se unen outros como “Pesoume” ou “A illa da desolación”. Ese mesmo ano, e en plena efervescencia bravú, os Skornabois entran por derradeira vez nun estudio de gravación. Foi para gravar o tema “Plánta-te” incluído no disco “Terra Terremota” (Xerais, 1998) que se repartiu co número 3 da revista Bravú e no que a banda semella encetar unha nova andaina, apuntada xa tamén no último tema do seu disco, “Nunca se sabe”. Desafortunadamente a traxectoria do grupo non deu máis de si e quedamos sen coñecer máis ca retallos das súas incursións no trip-hop e en sons máis electrónicos.
Ao vivo, os Skornabois percorreron practicamente toda a xeografía galega: Pontevedra, Ourense, Compostela, -onde actuaron en varias ocasións, entre elas na Feira das Mentiras argallada no antigo mercado gandeiro de Salgueiriños-, e moitas outras vilas e cidades, con especial incidencia na Mariña. Tamén saíron fóra do país, e tanto Castela, coma Euskadi e Catalunya descubriron a potencia da banda ao vivo. Precisamente foi nunha destas saídas ao estranxeiro onde lles aconteceu unha das anécdotas máis curiosas da súa andaina. Nunha vila de Biscaia, compartindo cartaz cos ΠLT, versionearon o Radio Rahim de Negu Gorriak. E loxicamente, fixérono en éuscaro, o que motivou que tivesen que practicamente parar o concerto ao rematar a versión por mor das ovacións dun público abraiado por escoitar un grupo galego cantando na súa lingua.
A derradeira actuación dos Skornabois foi en Compostela, nun espectáculo chamado Galicia Beibe, argallado por Antón Reixa, onde tocaron con Fermín Muguruza, os GNR, os Enemigos ou a mítica banda Suevia en xullo de 1999.
Emilio López tras o seu paso por Alkarpa -proxecto étnico-tradicional no que convivían diferentes fornadas de músicos, que tiñan para alén da música outras ocupacións: albaneis, carpinteiros e panadeiros, velaí o nome- continúa ligado á música con Safari Orquestra. En certa medida, pódese considerar que estoutro proxecto no que comezaron Xermán e Emilio tras os Skornabois nos mostra o camiño cara á electrónica encetado nas derradeiras composición da banda e para moitos os Safari son a evolución natural dos de Lourenzá, malia Viluba ter deixado o grupo hai anos para se centrar na axitación billardeira dende a LNB. Iván Laxe está integrado na actualidade en Di Elas, despois de pasar pola banda que acompaña a gaiteira Susana Seivane. E Villamel pasouse á produción de concertos para montar hai uns anos VACALINE, empresa de alugueiro de backlines.
FORMACIÓN
Os Skornabois foi un proxecto estábel no tocante aos músicos que formaron parte del e así, alén dos catro devanditos: Emilio López, Xermán Viluba, Iván Laxe e Xoán Villamel, tan só houbo un outro membro, Patu, que tocaba o baixo nos primeiros tempos da banda.
DISCOGRAFÍA
The Escornabois. (Autoproducida, 1993).
Terra Fertel. (Autoproducida, 1994).
O verme homicida - Chorima (1996)
Skornabois - Chorima (1998)
Recompilatorios
Unión Bravú (Edicións do Cumio, 1996)
Bambán Vol.2 (Bambán, 1997)
Terra Terremota (Xerais, 1998)
Descarga O Verme Homicida
Skornabois (Chorima, 1998)