SonDaRúa é un grupo de rap formado en Ponteareas no 2016. A formación deuse a coñecer ese ano coa publicación de 2 temas en Youtube, Fóra e Estilo combativo, aínda que os seus membros fundadores, Hugo Guezeta e Álex Arnoso xa tiñan colaborado e actuado xuntos antes na escena local do Condado.
No 2017 publican En galego non mola, canción coa que gañan o concurso Novos Valores do Festigal, co que gañan o dereito a participar en Compostela na edición dese ano do festival. De igual modo, tamén levan o primeiro premio no Sonidos Mans co que entran tamén no cartaz do Revenidas.
O proxecto aséntase de vez coa publicación no 2018 dos seus 2 primeiros traballos, o EP Liberando mentes, e o compilatorio SonDaRúa Classics. Letras críticas e ritmos bailables convértense no sinal de identidade da banda, algo no que afonda o sinxelo Voz da resistencia -con produción de Antxon Sagardui- e tamén no seu primeiro LP, Eterno Combate (Playplan, 2020), traballo que foi presentado en pleno confinamento no 2020 e que apenas tivo percorrido nos escenarios por mor da pandemia.
Doce cancións, un estilo ecléctico que bebe do hip-hop dos 90 pero tamén do rock, do reggae e até do folclore galego, para as instrumentais e letras afiadas, que sinalan con claridade as inquedanzas do grupo. Dous mc's, Hugo Guezeta e Alex Arnoso, e un DJ, That Bass, que xa desde a Intro apuntan ben alto: preséntannos o mellor disco que pariu Galiza.
Probabelmente non o é, mais si que pode ser entendido como un paso de xigante para converter a SonDaRúa nun dos grupos de hip-hop máis prometedores desta nova década. A frescura das bases vainos facendo chimpar da sinxeleza naif de "Tumbar ao xigante" -produción de Petrowski que nos permite escoitar a Arnoso e Hugo cantando o retrouso- cara ao reggae do tema que dá nome ao disco, producido por Javier Vicalo, e no que os mc's creban as súas voces para se introducir no raggamuffin. De aí, a producións máis propias do rap, asinadas por Arnoso e That Bass que brilla cos scratches en "O plan", instrumental na que unha das poucas voces que aparecen é a do eterno Miro Pereira. Tamén hai oco no disco para as colaboracións. A moi agardada con Ezetaerre -unha outra banda nova e exitosa o hip hop galego- que se alonga ademais coas 2 producións que Petrowski asina no disco, a devandita "Tumbar ao xigante" e "Animal", potentísimo punto álxido do traballo. Os seus veciños Skandalo GZ aparecen en "Pontakas Antifa" mais quizais a menos agardada, por iso máis sorprendente, das colaboracións sexa "Éxodo", con Navia Rivas, puro sentimento a falar da sempiterna emigración.
Entrevista en xullo de 2020, na presentación de "Eterno Combate" en Bueu
ETERNO COMBATE (PlayPlan, 2020)