Machina é unha banda galega de rock alternativo, hardcore melódico e metal alternativo cantado en galego e fundada en Cerceda (A Coruña) no ano 2002.
Despois de diversas mudanzas na súa formación e da gravación dalgunha maqueta, o grupo de Cerceda ten un punto de inflexión no 2006, ano en que acompañan a Soziedad Alcoholika e entran a gravar co productor Javier Abreu o que será o seu Ep Acouga, (2007). Despois viría o magnífico Post-Bravú, álbum gravado no 2009, entre Cerceda, Nantes e Nigrán, e que mostra unha banda heteroxénea, que semella non se querer cinguir ao estreito corsé das etiquetas musicais o que a converte na máis escoitable para os non seareiros do hardcore de toda esta nova fornada do metal galego. Valla como mostra disto a nómina de colaboracións do disco: Mourón, do grupo de hip-hop Dios Ke Te Crew, o beatbox de Gendebeat e mais o músico tradicional Xabier Díaz. No 2010 volven sorprender coa súa xira en acústico, Desenchufados, na que ofrecen versións do Post-Bravú.
Ao vivo no Aturuxo de Bueu en febreiro do 2014
O 14 de abril de 2012 apresentaron en Meirama o seu novo disco, Ensaio sobre o silencio. En pleno boom da era dixital Machina descólgase cun traballo en formato físico nunha caixa octogonal, embalaxe feita a man pola banda, nunha edición numerada de 250 exemplares. O traballo, gravouse a finais do 2011 en Vigo baixo a dirección de Pablo Iglesias, tamén produtor do mesmo. O disco componse de trece cortes, foi masterizado polo sueco Pelle Henricsson e supón a chegada á madureza como banda de Machina, ademais de engadir unha maior dose de compromiso social e político á súa mensaxe.
En outubro de 2013 chega o EP A síndrome de Nerón, gravado nos estudios Pousada Son por Iago Pico, derradeira achega dos de Cerceda antes do parón provisional que anunciaron o 4 de abril de 2016, provocado por diversas circunstancias profesionais e vitais dos membros da banda, que lles impedían manter a dedicación e traballo que Machina precisaba.
Tres anos e medio despois daquel anuncio, tras aparecer puntualmente nalgún concerto como o Candeloria 2019, Machina anuncia a gravación dun novo EP no 2020 e presenta en novembro de 2019 o proxecto en acústico "Machina desenchufados e amighos", gravado en setembro dese ano nos xardíns de Cimática Estudio, en Cerceda.
En decembro de 2020 publican O Infraordinario, adianto do novo disco despois de case dez anos de silencio que polo de agora non foi publicado.
Post Bravú (Maio 2009)
Ensaio sobre o silencio (Marzo 2012)
A Síndrome de Nerón (Outubro 2013)
Accede ás descargas de Machina