Bastards on Parade son unha banda de celtic punk nada na Coruña a finais do ano 2007, coa unión dun gaiteiro a un fato de rapaces que facían música punk. A banda non agocha as súas influencias, -o nome tómano dun tema dos Dropkick Murphys, un dos referentes do celtic punk a nivel mundial-, e presentan unha descarga contundente de punk celta onde se coan sonoridades de noso.
O seu primeiro EP foi publicado en 2008, Pipes & Drunx, e a banda presentou a finais dese mesmo ano Whiskey in my Heart, un EP ao que lle engadiron no 2009 catro novos temas, traballos que tiveron moi boa acollida nos circuítos internacionais de celtic punk, apesar de pasaren bastante desapercibidos no país. En marzo de 2010 chegaría un novo EP, Death Shore Pirates, que non fixo máis que acrecentar o interese de prensa e seareiros do celtic punk pola formación, que sacaría o seu primeiro disco de longa duración no 2011, Tales from the Death Shore, editado polos selos Carnage Records , francés, e Uncle Owen Records, xaponés, e que se meteu no TOP5 dos mellores discos do ano no xénero tanto en medios especializados coma en votacións de seguidores. Abre o traballo a Marcha do Antigo Reino de Galiza e hai oco tamén para unha moi punki Chantada's Jig. Un ano despois publican un novo EP, Shallow Waters, onde inclúen o pasodobre Pastoriza.
Ao vivo en Taragoña, no 2012, sen Aspi
Desde o comezo, os Bastards saíron tocar por Europa, adentrándose no circuíto do celtic punk xa coas súas maquetas, facendo xiras por Alemaña, Francia, Países Baixos, etc antes incluso de tocar moito polo país e moi logo, nomeadamente despois da publicación do primeiro e segundo discos, este Empty Bottles & Broken Things que sacaron no 2013 co selo alemán Wolverine Records, acompañaron bandas coma The Mahones ou The Real McKenzies nas súas xiras europeas. Precisamente na xira dos segundos, e despois dun concerto memorable na Iguana Club de Vigo, os McKenzies propóñenlle a Aspi, gaiteiro dos Bastards, substituír o seu gaiteiro que non pode seguir de xira. A resposta é afirmativa e ao día seguinte Aspi embarca nun avión rumbo ao concerto desa noite en Alemaña, aproveitando a viaxe para ir aprendendo as cancións cun tin whistle.
O que era unha solución provisoria prolongouse no tempo, con Aspi facendo xiras arredor do mundo cos MacKenzies e cos Bastards on Parade tocando sen gaiteiro ou cun suplente cando coincidían datas entre os grupos e parados na faceta creativa despois de 5 anos en que publicaron 6 traballos.
O agardado terceiro traballo dos coruñeses chegou 5 anos despois, Cara á liberdade (Maldito Records, 2018), e supuxo a mudanza de idioma, do inglés cara ao galego, nas cancións da banda que, no entanto, tanto nas instrumentais de raíz popular coma nas letras reivindicativas da súa galeguidade, viñan de sempre maufacturando un punk celta con esencia propia. Sensación que aumenta loxicamente neste terceiro traballo, que os fixo máis coñecidos no país e que tamén foi acollido con interese polos seus seguidores estranxeiros.
No Revenidas 2019, coa formación actual
Whiskey in my Heart (2009)
Tales from the Death Shore (2011)
Cara á liberdade (2018)