Grupo de metal da comarca de Compostela creado no 2002. Os Deseqilibrio Mental, bourando e tocando dende 2002, máis de 20 anos levando o nome da Casalonga polo país adiante, publicaron unha primeira maqueta no 2006 e posteriormente sacaron, en 2011 o seu primeiro disco de estudo.
Con Q sin U (Lobicán Records, 2011), doce pezas gravadas nos estudios Pousada Son durante 2009 e 2010 foron a súa estrea nun estudo, porén, non foi a primeira gravación da banda, que xa publicara unha maqueta no 2006 con Fito e Anxo nas voces, Jimmy na guitarra, Piky no baixo e mais Piedra na batería. A esta formación inicial uniuse Miguel Duarte para o primeiro LP, no que o grupo parte do metal en galego para abeirarse ao punk e tratar nas súas cancións problemáticas da sociedade actual, para protestar polo que non lles gusta, misión na que estiveron apadriñados no seu disco de estrea polo melloriño do rock galego, como Ruxe Ruxe, Zënzar, os Machina e incluso os históricos Astarot.
O seu traballo viuse recompensado ao longo destes anos tocando en festivais como o V Verea Rock, XIII Música na Noite ou resultando gañadores do 3º Certame Música Xove 2010.
En febreiro de 2015 publican Séculos Escuros (I), primeiro dos EPs do seu novo proxecto. O disco foi cociñado en Pousada Son xunto ao máster Iago Pico e conta coas colaboracións de Xan Pericán de Ruxe-Ruxe e DJ Mestre Pi. Do deseño encargáronse as Arinspunk.
Despois dun tempo de pouca actividade, a banda publicou ao longo de 2019 dous EPs máis cos que pechou o proxecto Séculos Escuros. Trátase de Séculos Escuros (II), Únete, xa sen Duarte na guitarra na que entra Mário César e Séculos Escuros (III) Ilusión no que aparece unha terceira guitarra, David Varela, Barbas, e no que as voces corren por conta de Fito e Milio.
Estivemos con eles no verán do 2017, en Vilanova de Arousa, no Rockin' Vila. A partir do min. 13
Escoita e/ou descarga a música de Deseqilibrio
Accede á zona de descarga de Deseqilibrio Mental