Os Falperrys son unha banda de punk folk nada contra finais da primeira década do século na cidade de Vigo, aínda que parte dos seus integrantes son dezaos e formaron parte de bandas como Tiro na Testa ou Motor Perkins.
De feito, os Falperrys, co nome derivado da rúa da Falperra viguesa, xuntan na súa formación músicos como Esteban Pérez (Skacha), Xosé Aller (Motor Perkins, Tiro na Testa) ou Mikele Fagà (Skacha, Soak) con ampla experiencia no panorama punk da ría de Vigo e O Deza. Déronse a coñecer con Do amor e das mentiras" traballo publicado en 2010 que mostra ás claras o estilo dos Falperrys. Punk folk tabernario para almas perdidas, como eles mesmos din, cociñado a base de traer para o galego melodías irlandesas na súa versión celtic punk e de levar para o punk melodías galegas tradicionais.
Sesión vermú do Armadiña Rock 2019
Os Falperrys axiña comezaron a pisar escenarios, tanto pubs e locais coma festivais: Festa da Prehistoria (Mos), 2010, San Resaquiño (Moaña), 2011, Son das Mámoas (Candeán), 2012, Revenidas, 2016, etc.
E fixérono non só no país, pois xa no 2011 deron concertos por vez primeira en Alemaña, onde volverían, Berlín, Hamburgo,... anos depois. Tamén no 2017 en Dublín no St. Patrick’s Day, onde tocaron co recoñecido músico escocés Gary Og.
No Revenidas de Vilaxoán de Arousa no 2016, foto de Lucía Mallo
En 2018, e despois dun proceso de micromecenado exitoso, publican Nova abordagem, que continúa a liña marcada polo seu traballo de estrea. Gravado en Garageland en Marín polo propio Aller, o disco inclúe temas como "Nove cruzes" onde volven, coa mesma mestría ca en temas como "As mulleres do Saviñao", a tocar o tema da represión franquista.
No concerto que deron para os colaboradores do crowfounding
ESCOITA OS FALPERRYS