Grupo de street punk vigués. O grupo formouse no ano 1995, nunha época especialmente frutífera para o punk-rock na cidade de Vigo pois na altura tamén despuntan outras bandas como os Skacha ou Disturbio 77, e fai a súa estrea nun concerto celebrado co gallo do Día das Letras Galegas do ano 1996, acarón dos referentes da música galega da década, os Diplomáticos de Monte Alto.
Despois viría o primeiro disco, Casco Vello, (Bronco Bullfrog Records, 1998), aínda que antes xa colaboraran no compilatorio Oito anos de sequestros (Sons de Luita, 1997), xunto a bandas como Nación Reixa, Zënzar, Xenreira ou Korosi Dansas.
Apesar do son mellorable do seu primeiro disco, o certo é que o traballo lles valeu de carta de presentación na escena punk galega, -tamén alén das nosas fronteiras-, acadando críticas moi positivas en revistas especializadas doutras zonas do estado e incluso nos USA. Tamén chegan os concertos, mais xusto cando a banda comezaba a se estabilizar e podía pensar en preparar o segundo traballo chega o primeiro parón. O cantante ten que marchar traballar fóra e o grupo para. Recuperarían o labor xa pasado o cambio de milenio, para encetar a mellor etapa dos Keltoi, que estrean coa saída de Estado de sitio, (Janie Jones Records, 2001), traballo compartido polas 4 bandas imprescindibles para entender o punk na ría de Vigo, os xa citados Skacha e Disturbio, os morracenses Soak e os propios Keltoi.
No 2016, no Freixo Rock, Vigo.
De novo activos, os Keltoi van ampliando engorde a listaxe de concertos, con cada vez máis saídas fóra de Galiza, até chegar a compartir escenario cunha multitude de bandas internacionais de música ska e punk, como Malarians, Skarface, Dropkick Murphys, The Real McKenzies ou Frontkick. Precisamente ao lado destes últimos e de Malas Cartas, a banda viguesa pon punto final a esta etapa cun concerto na cidade olívica en xaneiro de 2005.
A banda nun concerto no 2015, na Sala Máster de Vigo
O que semellaba o adeus definitivo do grupo queda nun deica logo cando, a piques de rematar o 2010, sae á rúa A nosa cinza, (ONDC Records, 2010). Argallado como un disco póstumo, unha sorte de legado musical, velaí o nome, rematou por se converter no inicio dunha nova etapa de actividade para Keltoi!, que seguiron a traballar e a dar concertos a partir deste rexurdimento. Iso si, con mudanzas na formación, na que entrán Gontxu e Adrian, xa que dos Keltoi! orixinais só quedaron Sime, Dani e Kino, pois Mikele centrouse na súa outra banda, os Soak.
Keltoi pasou por GZmúsica TV en 2022, pouco despois do seu 25+1 aniversario
A comezos de 2012 Keltoi! volveu a trocar de formación, entrando Manu á batería, substituíndo a Kino; e Xurxo nunha das guitarras por Adrián. A banda segue a tocar na primeira metade da década dos 10, destaca o seu concerto en Balaídos o 3 de xuño de 2012, diante de 31.000 persoas, na xornada de volta do Celta á Liga.
4 anos despois chega o terceiro disco dos vigueses, Sons da rúa, (ONDC Records, 2016), onde manteñen a liña clásica da banda e que contén un dos temas máis coñecidos da banda, 'Unhas cores, un sentimento', dedicada ao Celta e que se ten convertido en habitual nas gorxas dos seareiros celestes os domingos de fútbol.
A pandemia cortou os plans de celebración dos 25 anos da banda, mais eles decidiron celebrar o 25+1 Aniversario, coa publicación de 2 EPs,Tempos Convulsos - 2020 (ONDC Records) e XXV - 2021 (ONDC Records). O seu xeito de dicir que seguen vivos e con moita gana de dar a batalla coa súa música e a súa mensaxe.
ESCOITA KELTOI!
A NOSA CINZA, 2010
SONS DA RÚA, 2016
TEMPOS CONVULSOS, 2020
XXV, 2021