Grupo de punk-rock vigués, formado a comezos dos 90 por 3 adolescentes do barrio das Travesas de Vigo, Kino, Xose e Roberto, aos que logo se unirían Esteban na voz e Martín, membro na altura dos KOP vigueses, artellando a que sería a formación durante esa década. Despois do éxito acadado pola súa segunda maqueta, -que chegou a saír nas bandas deseñadas de Pedro Pico&Pico Vena-, a discográfica alemá SOS Records edítaa en CD, o primeiro da banda, Sempre Ceibes, publicado no 1996. Despois dalgunha mudanza na formación, -saída de Xose, paso de Mikele e Pablo polo baixo-, van gravando algún disco novo, Xustiza cega, (Plastics Discs, 1997) e Skacha, (Sons de Luita/Janie Jones Records, 1999), ademais do traballo, compartido con varias bandas como Kaos ou Disturbio 77, Estado de Sitio, (Janie Jones Records, 2001) no que versionan bandas punk da cidade como Desvirgheitors.
Posteriormente Roberto, un dos fundadores abandona o grupo e Skacha saca algún novo traballo, o recompilatorio 1995-2003 co selo italiano Anfibio e xa con temas novos o magnífico A ferro e lume, (Potencial HC, 2006) e finalmente Catro, (Escacha Records, 2010). A badna despediuse cun concerto na súa cidade natal no 2011.