Banda Potemkin foi unha banda de mestizaxe formada na Coruña a finais dos anos 90 por antigos membros de formacións coma os Papaqueixos, Miki Nervio & The Bluesmakers ou Meninhos da Rúa.
Tiveron certo suceso nos festivais galegos da primeira década do século XXI, cunha proposta festeira que non deixaba de sinalar os problemas da sociedade actual. O seu tema máis coñecido, Calindra Xida, apareceu no compilatorio A Per Loca!! (Komunikando, 2006).
A proposta desta banda céntrase na variedade de ritmos balcánicos, afro-caribeños, funk, disco, rock e folk, co común denominador de facer música bailable, alegre e divertida, que chegue a todo o mundo sen importar razas, culturas, nin etiquetas, e sen que isto sexa incompatible coa calidade musical. As súas letras mostran frescura e humor característico no tratamento das realidades sociais e persoais que estamos a vivir hoxe en dia.
Resumindo, a Banda Potemkin na súa odisea vai espallando festa, humor, e ganas de pasalo ben, cun directo cheo de forza e calidade no que se mesturan elementos de todo tipo, nun cóctel único froito da colaboración de todos e cada un dos músicos que forman a banda.
A formación máis habitual da Banda Potemkin era:
Manolo: Frauta e voz; Miguel: Gaita, percusións e voz; Louren: Bombardino; Rubén: Guitarra; Anxo: Baixo e Santi: Batería.
(Actualizado en setembro de 2019)