Skárnio foi un grupo de música galego formado no barrio do Calvario na cidade de Vigo. Defínense coma un colectivo político-musical, sendo a súa música ska con letras comprometidas e con carga política, sobre temas como o independentismo galego, a lingua ou a loita dos traballadores.
A formación deuse a coñecer coa súa colaboración no disco Oito anos de sequestros, (Gralha, 1997) e que dous anos despois apresentaría A filosofia de acçom da guerrilla urbana, primeiro traballo que abalaba entre o ska e o raggamuffin e que conta con colaboracións de grupos vigueses como Skacha, Disturbio 77 ou Nen@s da Revolta. Despois de tres anos percorrendo o país a tocar por diversos locais e festivais, con saídas puntuais a outras partes da península, deron o salto definitivo cara á consolidación cando chegaron a un acordo co selo catalán Propaganda pel fet, co que editan Arredista, traballo onde definitivamente encamiñan o seu son cara ao ska, e nomeadamente cara a todo o novo que se estaba a facer nos anos noventa en Europa e América neste movemento musical, con ritmos máis acelerados ca no ska clásico, fusión co punk e incluso co hardcore, aínda que os Skarnio non seguiron, nin seguen, exclusivamente esta liña e dan cabida nos seus traballos a temas que proveñen sen discusión da sonoridade máis xamaicana e clásica. Este segundo traballo permitiulles tocar nun grande número de lugares, chegando a ser o primeiro grupo galego convidado a tocar no festival Antiraciste & Antifasciste! en Xenebra e indo tamén ao Festival Avante de Lisboa.
A presentación d`O nosso caminho, producido por Pedro Feijoo (Muu! Estudios) e gravado nos
estudios Área Master de Vigo e Océano Estudios de Nigrán por Xavier Abreu, chegou no décimo aniversario de Skarnio e dous anos despois, en marzo de 2010, o grupo anunciou o seu "cesamento da actividade pública por tempo indefinido" nun vídeo-comunicado.